HÉCTOR MÉNDEZ: Entrevistamos ao adestrador da Escola Basket Xiria

O Basket Xiria de Carballo presentou unha nova imaxe no banco, xa que Héctor Méndez Vidal (A Coruña, 1984) é agora o adestrador despois de estar as dúas últimas campañas como segundo de Fernando Buendía. Ademais, coñece ben ao persoal, aínda que cinco xogadores dos doce seguen no plantel. Algúns dos novos xa os coñece na súa etapa como adestrador de base do Basquet Coruña.

Valoración ata o momento na liga?
É pronto para facer valoracións da liga, aínda que van xa 6 xornadas, soamente xogamos contra 3 equipos diferentes, xa que se xoga en sistema de ida e volta en xornadas consecutivas. O calendario pode condicionar a clasificación polo momento, así que aínda queda moito para poder valorar a liga e que nivel real temos dentro dela.

Como foi asumir ser o primeiro adestrador do equipo?
A verdade é que xorde de maneira natural. Os anos que estiven con Fer, aínda que el era o adestrador principal, sempre sentín como un adestrador máis. El non podía seguir este ano por motivos persoais e asumir as súas funcións era a idea máis continuista.

Como está a ser a experiencia?
A experiencia, polo momento, está a ser positiva. Aínda que sexa o meu primeiro ano dirixindo un sénior, estar xa no club e ter algúns xogadores no persoal cos que xa estiven anos anteriores fai que algunhas cousas sexan máis sinxelas.

Contento co persoal formado?
Por suposto, conseguimos dar certa continuidade ao manter a 5 xogadores do ano pasado e viñeron outros mozos que poden ter algo de percorrido durante os próximos anos. Ademais, é moi positivo que contamos no persoal con 3 xogadores que saíron das categorías inferiores de Xiria e isto é moi importante para que sigan crecendo como xogadores e darlle sentido ao proxecto do club.

Como é o xogo que realiza o equipo?
Pois queremos defender moi agresivos e tentar conseguir vantaxes correndo e compartindo o balón. É unha formulación necesaria dado que somos un equipo pequeno en canto a tamaño, pero no que creo totalmente e que pode resultar divertido de ver.

Que obxectivos teñen marcados esta tempada?
Se me preguntas pola clasificación, non temos ningún obxectivo como tal. O que queremos é xogar ben ao baloncesto e ir día a día tentando crecer como equipo e competir o mellor que podamos. Xa veremos onde nos pon a liga e o noso traballo.

Cales son os rivais directos?
Aínda é pronto para saber que equipos van ser os máis fortes e se nós o seremos. O traballo diario poñeranos no noso sitio e veremos que equipos son os que temos nun nivel similar.

O nivel da liga está a ser o esperado?
Si, eu creo que si. Hai unha mestura interesante entre equipos que levan xogando anos xuntos e coñécense á perfección e outros equipos de perfil máis inexperto, pero coa mesma ilusión e ganas de crecer e de facelo ben.

Está é a terceira campaña nas filas do Xiria?
Efectivamente, é a miña terceira tempada en Xiria. A primeira, que non foi completa polo parón do COVID, a pasada, que tamén estiven como segundo de Fer, e esta. Anteriormente estiven 14 anos en categorías inferiores do Basquet Coruña e tamén varios anos en dinámica de seleccións galegas, onde aínda formo parte da cadete masculina.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas