ÉDGAR VIGO: Subcampión de España de Rallycross

O piloto de Fene sufriu un toque na súa loita con Iñaki Barredo que o deixou fóra de pista na súa loita polo título.

O circuíto tarraconense de Calafat puxo o broche de ouro á primeira tempada da espectacular e apaixonante Copa de España de Rallycross (CERX). Tras unha tempada inaugural marcada polas dificultades para contar con circuítos habilitados para a modalidade, 3 foron as probas dun total de 6 calendadas inicialmente e que serviron para configurar a clasificación final. Tanto o inicio como o final de tempada tiveron como escenario a pista tarraconense, celebrándose a proba central na localidade burgalesa de Miranda de Ebro.

A tempada comezou con moi bo sabor de boca para Édgar Vigo, obtendo un 2º posto na final, no día de debut sobre un vehículo da categoría N5, a raíña dentro do Rallycross estatal. Posteriormente, a cita burgalesa complicouse pola falta duns adestramentos libres nos que rodar no circuíto previo á competición, pero resolveuse cun terceiro posto na final, sendo con ese resultado, o único piloto que repetira podium nas 2 carreiras. Finalmente, chegou a cita de Calafat. A carreira comezou moi ben para Vigo, marcando o mellor tempo na primeira manga de adestramentos libres, pero a partir dese momento, o ritmo de Iñaki Barredo mostrouse superior e arrebatáballe ao de Scratch Fene 2 puntos tras as qualis, deixando a distancia entre eles en 6 puntos. Era a quenda da semifinal e Édgar realiza unha gran saída desde segunda fila situándose a par de Barredo que na primeira curva tras a recta impacta no coche de Édgar, acabando este encaixado contra as rodas do circuíto e sen posibilidade de continuar en pista. Co campionato xa decidido, era a quenda da final e Édgar realiza novamente unha saída espectacular adiantando aos pilotos de primeira liña pero, no momento de encarar a primeira curva, é embestido en 2 ocasións por Barredo, volvendo quedar fóra de pista e finalizando a tempada con mal sabor de boca.

Édgar Vigo: “Foi unha pena que o gran ambiente que reinou durante toda a tempada viuse enrarecido nesta última carreira. Tiñamos un pacto de cabaleiros de non agresión que aquí se incumpriu e é unha pena, canto máis, co campionato decidido. Aínda así, quedo co bo e un subcampionato de España é un bo premio ao esforzo de todo o ano”.

Foto e info: Dpto. prensa Scratch Fene

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas