O Parrulo Ferrol venceu ao Carballiño e xogará a Final da Copa Galicia tras un partido no que os ferroláns levaron o peso do partido desde o primeiro momento.
O Parrulo Ferrol estará a loitar novamente polo título da Copa Galicia tras impoñerse por 9-0 ao Carballiño no partido de volta das semifinais (cun global de 15-4) disputado na noite do martes no Pavillón da Gándara (Narón), debido á folga dos traballadores das instalacións deportivas do Concello de Ferrol.
O partido empezaba cos ferroláns controlando o xogo coa posesión do balón e encerrando na súa área aos xogadores do Carballiño, non querendo levar sustos, debido ao axustado resultado do partido de ida. Houbo que esperar ao minuto 5 para ver as primeiras ocasións, nunha dobre ocasión de Alberto e Hélder na frontal da área que lograba salvar o porteiro Eric baixo paus e pouco despois tíñaa Kevin Chis cun tiro sen ángulo na liña de fondo que volvía evitar o meta.
O Parrulo Ferrol buscaba o gol e tentábao de todas as maneiras posibles, tendo Terán a máis clara ata ese momento cun tiro desde o bordo da área por raso que despexaba o porteiro e íase ao pau. O porteiro Eric era un dos protagonistas, evitando que os locais se puxesen por diante, evitando outra boa ocasión, neste caso de Hélder na frontal da área.
Tras tantas ocasións, os ferroláns conseguían poñerse por diante e facíano de maneira dobre, con dous goles case seguidos. Primeiro cun gol de Hélder na frontal da área colocado ao pau e ao minuto Noel realizaba unha gran xogada persoal por banda, regateando a dous defensores e picando o balón na saída do partido, subindo o 2-0.
O Carballiño buscaba cambiar o ritmo do partido e Fer saía á pista como porteiro-xogador, para facerse coa posesión do balón, pero non atopaban ocos na defensa de O Parrulo Ferrol e estes lograban ampliar distancias a poucos segundos de finalizar o período cun gol de Adri cun tiro raso na frontal desde dez metros que pegaba no pau e facía o 3-0.
O inicio do segundo período foi demoledor de O Parrulo Ferrol, aproveitando ao máximo as ocasións que tiñan. Aos tres minutos Kevin Chis anotaba o 4-0 ao segundo pau ao aproveitar un bo pase de Adri desde o bordo da área. Pouco despois Borja facía o quinto cun tiro cruzado raso tamén desde o bordo da área e case na seguinte xogada Terán anotaba cun potente disparo desde dez metros por alto o sexto. Os ferroláns non baixaban o pé do acelerador e novamente Noel desde a frontal da área facía o oitavo.
O partido estaba xa decidido, pero o Carballiño non baixaba os brazos en ningún momento, buscando o seu gol, tendo Hugo unha boa ocasión nunha xogada persoal no bordo da área que lograba despexar Álex Regueira, pero os que anotaban o último gol eran os ferroláns, novamente coa firma de Terán cun tiro cruzado á escuadra dentro da área, deixando o marcador no definitivo 9-0.
Con este resultado, O Parrulo Ferrol clasifícase para a Final da Copa Galicia, onde se verá as caras co Noia Portus Apóstoli, o 17 de maio, Día dás Letras Galegas, nunha sede por confirmar.
O Parrulo Ferrol: Barranquero, Terán, Miguel Caeiro, Noel, Domingos – tamén xogaron – Alberto, Borja, Alonso, Adri, Aaron, Renatinho, Kevin Chis e Hélder.
Carballiño: Eric, Kane, Édgar, Hugo, Óscar – tamén xogaron – Adri Araujo, Álvaro, Noel, Carrecedo, Dani Gato, Iniesta, Fer, Farru.
Árbitros: Daniel López López e Rubén Vieito Regueira, xunto con Eva López Seijas como árbitro asistente (Delegacións da Mariña e Lugo). Amoestaron ao local Hélder e ao visitante Hugo.
Goles: 1-0 Hélder min.14, 2-0 Noel min.16, 3-0 Adri min.19, 4-0 Kevin Chis min.24, 5-0 Borja min.26, 6-0 Terán min.26, 7-0 Noel min.27, 8-0 Terán min.28, 9-0 Terán min.37.
Pavillón: A Gándara (Narón).
Foto: Ismael Miján / MijanPhoto