O adestrador do Volei Dumbría, Emiliano Martínez, analizou a tempada que está a realizar o seu equipo.
“Estamos encantados co traballo do día a día onde somos uns privilexiados por poder desfrutar das instalacións de O Conco. Estamos tendo un inicio de competición moi irregular, en parte motivado polos cambios no plantel e pola falta de acomplamento nestas primeiras xornadas. Penso que mellorando ese aspecto, ademais doutros como a intensidade e a concentración en todos os momentos dos partidos, o equipo ten un marxe de mellora moi grande. Estou moi contento co traballo dos xogadores mais novos, dos que non teño ningunha dúbida de que irán a mais semana tras semana”.
“O club márcanos o obxectivo de conseguir a permanencia na categoría e potenciar o crecemento dos xogadores da canteira. Porén, a miña experiencia e a miña autoesixencia faime saber e pensar que podemos intentar chegar a finalizar a tempada entre os seis primeiros clasificados, xa que a Liga está moi igualada e se somos quen de conseguir dúas vitorias consecutivas daremos un salto na clasificación, ademais de conseguir esa dose de moral e de confianza tan necesaria, mais aínda cando se traballa e se compite con xente tan nova. O Sporting Soria CV, o Rotogal Boiro Voleibol, o CV Almendralejo Extremadura e o Extremadura Grupo Laura Otero penso que serán os rivais cos que loitaremos por conseguir canto antes a permanencia nunha categoría moi esixente, igualada e bonita para todos os espectadores que acoden ao Pavillón do Conco e que tan importante son para axudarnos a conseguir os obxectivos.”