Entrevistamos a Rubén Souto, adestrador do Corme CF

O adestrador do conxunto feminino do Corme CF, Rubén Souto, concedeunos unha entrevista para analizar a preparación, a tempada, o equipo, as xogadoras, o desenvolvemento do fútbol feminino e os aspectos persoais.

Como vai a pretempada para o teu equipo?
Ben, moi contento tanto coa asistencia aos adestramentos, que no verán entre vacacións, festivais e verbenas sempre adoita ser un pouco caótica, como coas ganas e implicación do equipo nas sesións de adestramento.

Que aspectos traballades máis intensamente?
Pois este ano estamos tentando crecer un pouco en canto á calidade de adestramento no apartado físico, con sesións máis completas e dirixidas, creo que é o cambio máis significativo. A nivel futbolístico, a proposta segue sendo a mesma, co cal só é repasala e evolucionala un pouco cada ano.

Que obxectivos vos marcástedes para esta nova tempada?
Mellorar o ano pasado, correxir erros que cometimos, competir coa nosa idea que é divertirnos co balón, e cando toque remangarse e competir doutra forma, adaptarnos e saber facelo igualmente.

Hai algunha meta específica que vos gustaría acadar?
Quedounos un mal sabor de boca do último mes de liga do ano pasado, así que este ano queremos ser constantes de principio a fin e acabar o ano sabendo que demos a nosa mellor versión regularmente.

Como ves o nivel da competición este ano?
Vai ser unha liga durísima, todo o mundo crece a pasos axigantados, os exemplos máis claros son o Cabana e o Camariñas, que para min foron os equipos que máis creceron a nivel competitivo sen lugar a dúbidas, e en moi pouco espacio de tempo.

Que equipos consideras que serán os máis difíciles de enfrontar?
Para nós, os derbis de momento pesan moito a nivel mental, e este ano as veciñas teñen un proxecto moi potente coa incorporación de Saray e Eva Lago arrimado ao equipazo que xa tiñan antes, pero a verdade e que calquera equipo se non estás fino pódeche pintar a cara. Creo que o Ponteceso e o Esteirana van ser os rivais a bater, as Miúdas tamén van ser duras porque veñen doutra categoría e terán outro ritmo competitivo seguro, pero ollo co Camariñas con Yara e Aitana que promete ser moi competitivo tamén. Muxía, Corcubión e Mazaricos xa fixeron moi boa tempada o ano pasado e este ano seguro darán un pasiño adiante con algunha fichaxe que escoitei por aí, e bo, o Bergan B tamén estará no grupo dos de arriba seguro. Vén unha liga moi competida e entretida con moitos aspirantes ao título e unha loita pola fase de ascenso moi dura.

Incorporastes novas xogadoras ao equipo?
Si, coseguimos fichar a Saskia do Xallas e Lucía do Cerqueda, que eran dúas xogadoras que tiña moitas ganas de adestrar, a verdade, e por fin as temos con nós, e tamén demos convencido a Zeltia, que é do pobo e estaba sen xogar, e este ano veu probar pero xa está en dinámica de equipo totalmente.

Como se están adaptando ao equipo?
Para ser sincero, parece que levaran con nós desde o inicio! Son incribles as tres, tivemos moita sorte con que aceptaran o reto de vir para O Cairo, pero é que o grupo que temos e unha maravilla, chegar aquí e moi fácil porque elas axúdanche moito desde o principio.

Que roles se espera que desempeñen?
Saskia e Lucia veñen para aportarnos garra, competitividade e personalidade. É curioso porque é algo que as caracteriza moito e xusto ten moitísimo que ver coa filosofía do noso club e que lle encanta a nosa afección, e con Zeltia de momento non lle imos a esixir nada máis que volver gozar xogando ao futbol, pero é moi competitiva e desde o minuto un veu para axudarnos a crecer.

Que xogadora cres que pode ser a revelación do equipo esta tempada?
Nós non temos ningunha xogadora que destaque a nivel individual como era Naroa, por exemplo, si que é certo que poder contar coas capis Ana e Olalla desde o principio e un plus moi grande para o equipo polo que nos dan a nivel deportivo, pero sobre todo a nivel de vestiario, son fundamentais para nós. Tampouco imos negar que se Carla sigue crecendo e dando pasos adiante como fixo o ano pasado, o beneficio para o equipo é moi grande. Centrada e motivada, para min, é das mellores da liga, e oxalá Cris dea o pasiño que todos estamos esperando que dea, porque por talento e futbol, podería converterse nese factor diferencial que nos faga gañar partidos e nos falta agora mesmo, pero aínda lle falta acabar de dalo. Traballaremos moito xuntos este ano para conseguilo.

Hai algunha xogadora que amosase unha evolución destacable?
Todas creceron un montón, sobre todo as de iniciación, penso que elas son as grandes responsables do crecemento do equipo, pero creo que o salto máis grande deuno Candela, que con moito traballo e dedicación xa está para sumar coas demais desde o inicio, e tamén creo que máis pronto que tarde, todo o mundo se vai sorprender con Salomé, pero hai que ir amodo con ela, é moi xoven e debemos formala moi ben, tanto futbolísticamente, como físicamente, pero sobre todo tamén a nivel de confianza.

Como mantés motivado ao equipo durante unha tempada?
Supoño que todos os adestradores diríanche o mesmo do seu vestiario, pero é que teño un grupazo incrible, e xa son moi competitivas e exixentes elas mesmas. O ano pasado a presión de ter que gañar, de ir invictas, de competir a liga … fíxonos pasar por unha experiencia dura na que a cabeza xogounos unha mala pasada e non saíron as cousas ao final de ano, e aínda así, o vestiario en ningún momento resentiuse. De verdade son un grupo incrible, e mentres elas queiran seguir crecendo, aí estarei para acompañalas!

Que estratexias utilizas para fomentar a cohesión do grupo?
A verdade e que fun aprendendo co tempo, e como teño a sorte de que son un grupazo tremendo, deime conta que a mellor maneira de fomentar iso é deixalas a elas ao seu aire e eu dedicarme só a adestralas, no verde unímonos querendo crecer e competindo, fóra del é cousa delas, e creme, non se abuerren en absoluto (risas).

Como ves a evolución do fútbol feminino na Costa nos últimos anos?
En crecemento a nivel de equipos e xogadaras é impresionante, iso é unha realidade, pero debemos tamén tentar buscar que sexa un crecemento real e estable, que non dependa dos resultados, que se se marcha unha ou dúas xogadoras boas, o equipo non desapareza, por exemplo, e que se busque formar a xogadoras e non só formar equipos competitivos, pero é moi difícil porque xa non é que todo o mundo queira gañar, senón que sobre todo ninguén quere perder cada domingo, e daquela quizais de momento priorízase máis afastar o balón da portería propia de calquera forma que baixala e intentar xogala, que é normal, e penso que é algo que todos fariamos en caso de necesidade.

Que cambios notaches na liga e na participación doutras zonas?
Quizais os cambios máis grandes están por vir … tema de vestiarios, saber que se xogan o masculino e o feminino, un despois do outro, debes deixar tempo entre ambos para poder quentar ben, saber se vas ter auga quente para que en ambos os partidos póidanse duchar, ou póidanse cambiar mesmamente. Creo que crecemos moi rápido en canto á participación, pero que os cambios importantes deben chegar en ese sentido este ano.

Que cres que se necesita para seguir impulsando o fútbol feminino a nivel afeccionado?
Valentía e seriedade por parte das directivas, que non fagan un equipo feminino porque estea de moda e si porque se quere investir tempo e recursos nel. Formación por parte dos adestradores, canto mellor formado esteas, mellor as podes traballar e cando e así os resultados chegan antes e mellores, e elas nótano e engánchanse ao momento. É moi importante o compromiso por parte das xogadoras, un equipo de fútbol non é un parque de bolas ao que vas o domingo para pasalo ben, hai moitas horas dunha directiva dun club para xuntar recursos para os gastos dun equipo de fútbol, sexa da categoría que sexa, así que elas, haxa o equipo que haxa, veñan os resultados que veñan, deben de cumplir sobre todo nos adestramentos, que é onde se demostran os equipos, para despois ir recoller os froitos o día do partido.

Que papel cres que xogan os adestradores neste desenvolvemento?
Partindo da base que para min o futbol é das futbolistas, penso que no fútbol feminino, a maiores do que falei antes de que é fundamental formarse, é moi importante que os adestradores vaian sen prexuizos e sin ego, sobre todo o segundo, porque ao final iso acaba perxudicando moito ao proceso de crecemento do equipo por culpa da frustración, pero a verdade e que hai moi bos adestradores no futbol femenino da Costa, non hai máis que ver o crecemento dos equipos.

Que importancia daslle ao traballo da canteira no teu club?
Para un club como o Corme, a canteira é fundamental, aínda que temos a sorte de que os nenos do pobo teñen un sentido de pertenenza enorme co club arrimado a unha persona como Manolo da Campara, que é imprescindible para nós e as nosas categorías base. Cada vez e máis difícil xuntar xente para saír a competir, por iso o traballo, primeiro dos país sacrificándose traendo aos nenos a adestrar e xogar, e segundo das directivas con todo o traballo que hai detrás para poder ter as seccions da base, ten moito merito, moito máis do que se lle dá. Ao final eu dedícolle moitas horas porque me encanta esto de adestrar e divírtome. Un pai ou un directivo teñen moitos máis momentos de sacrificio que de diversión … meritazo!

Como integras ás xogadoras novas no primeiro equipo?
Eu nestes dous veráns que levamos desde que empezamos adestro ás peques un mes para ir tendo contacto con elas, e durante o ano tamén as chamo para vir adestrar con nós algunha vez, ademais de ir velas xogar sempre que podo, a verdade é que tento estar moi pendente delas para que cando chegue o momento non lles custe tanto dar o paso.

Que che motivou a converterche en adestrador dun equipo feminino?
A pregunta debería ser que che motivou a ser entrenador, ao final había moita xente do meu entorno que quería que dera o paso e probara a adestrar, e como eu seguía o futbol femenino e a xente sabía que tiña o título para poder adestrar, todo encaixou.

Como foi a túa experiencia ata agora neste rol?
A experiencia é moi positiva, en parte grazas á xente do pobo de Corme que nos tratan de marabilla, a sensación de sentirte en casa desde que estás aquí é incrible, o club, colaboradores, afección e pobo, unha vez pases a formar parte desta gran familia fante sentir como da casa desde a primeira semana de estar aquí, e como che dixen antes, o grupazo que teño de xogadoras, que ainda que a menudo nos sacamos mutuamente de quicio, cando estou moito tempo sen elas estráñoas moitísimo.

Cal foi o maior desafío que afrontaches como adestrador de fútbol feminino?
O primeiro ano foi sen dúbida subirlle o nivel ás de iniciación para poder competir ben, sen que as que xa sabían xogar non se frustasen e as de iniciación non se desanimasen. Foi algo moi complicado, pero teño que dicir que as que sabían xogar axudáronme moitisimo. O segundo ano foi repoñernos das distintas baixas que tivemos por distintos motivos no verán, a nada de empezar a adestrar, que a nivel emocional deixáronnos moi tocados, pero creo que gracias a iso moitas xogadoras, e incluso eu, crecemos moitisimo. E este ano será superar o ano anterior divertíndonos e competindo coa nosa idea.

E cal foi a túa maior satisfacción?
Ufff hai moitas, o recoñecemento da xente doutros clubs do que queremos ser como equipo xérame moito orgullo, a verdade, pero quizais ver crecer ás xogadoras de iniciación é unha das máis grandes sen dúbida, e este verán que xogadorazas como Saskia, Zeltia e Lucía quixeran vir para xunta nosa tamén me puxo moi contento.

Que consello lle darías a outros adestradores que están comezando no fútbol feminino?
Pero se estou a aprender eu, como vou dar consellos! O que dixen anteriormente, formación e eliminar o ego da ecuación, e moita paciencia e moitas hora libres, porque isto come moito tempo.

Hai algunha lección clave que aprendiches?
Algo que me dixo un adestrador ao que respeto moito, a parte remarcoume que lle debía unha moi grande polo consello que me estaba dando porque me ía evitar moitas dores de cabeza e horas perdidas, e tiña razón: “non se pode enseñar a quen non quere aprender”.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas