O hóckey que está a exhibir o Escola Lubiáns na OK Liga Bronce atrae aos afeccionados, que acoden en maior número ao Carballo Calero.
O Escola Lubiáns está a atravesar un momento doce na OK Liga de Bronce do hóckey sobre patíns a nivel nacional e despois de seis xornadas, os xogadores de Jorge Lamas, “Cholo”, son segundos, cos mesmos puntos que o Oviedo Roller. Esta boa marcha pero, sobre todo, polo xogo despregado no pavillón Carballo Calero, está facendo que as bancadas do recinto cada vez acollan máis seguidores. No último partido xogado en casa, 200 espectadores déronse cita, un número pouco habitual no hóckey carballés pero, que tal e como se está vendo, será unha cifra que irase incrementándose.
O conxunto de Cholo está a realizar un hóckey espectacular: rápido e agresivo. Esas pinceladas nas que tanto traballou durante a pretemporada. Tamén non hai que esquecer o gran acerto nas fichaxes realizadas, que están a responder de forma incrible.
A fortaleza do Escola Lubiáns está na súa cancha, na que derrotou a dous dos grandes candidatos ao título, o Oviedo Roller (5-4) e ao Areces Pavitek (7-4), pero no seu camiño tamén soubo derrotar lonxe de Carballo ao Jolaseta, en Neguri (Getxo), por 2-6, e ao Oviedo Booling Club, en Oviedo (1-9).
O nivel que se está apreciando na competición, na que figuran catro equipos galegos e igual número de asturianos, dous vascos e un cántabro, é alto e esixe en cada cita un rendemento ao 100 por 100 para poder competir. Cholo está a dar minutos a todos os xogadores dos equipos e, sobre todo, está a sortear as baixas por diferentes lesións que está a sufrir un conxunto formado por 14 xogadores. Entre eles sempre merece especial atención o seu capitán, o carballés Fabián Suárez, que despois de máis de 30 anos no equipo, está a gozar como ninguén desta campaña histórica, nun club que se fundou no mes de setembro de 1983, é dicir, que neses 38 anos de vida, o capitán viviunos case todos aos seus 43 anos.
PRÓXIMO ENCONTRO
O Escola Lubiáns non xogará a próxima xornada, a sétima da liga, ao corresponderlle descansar por segunda vez esta tempada. De tal forma, que o equipo regresará á competición en Carballo o día 11 decembro para recibir ao CD Urdaneta, de Loiu (Bizkaia), a partir das 19.30 horas no polideportivo Carballo Calero. E nese momento faltarán cinco xornadas para o final da primeira volta, na que o equipo carballés deberá descansar unha terceira vez.
MIKEL, O GOLEADOR
O Escola Lubiáns leva marcados 29 goles nos cinco encontros disputados e neles ten especial protagonismo o carballés de 31 anos Mikel Abeal, que está a ser o xogador máis resolutivo fronte a portería rival.
- Mikel Abeal: 9 tantos
- Eudald Cañete: 6 tantos
- Manu Ruibal: 4 tantos
- Marcos Martínez: 4 tantos
- Hugo Mosquera: 3 tantos
- Isma Pardiñas: 2 tanto
- Chipi Vieites: 1 tanto