A Escola Lubiáns confirmou a inscrición na Ok Liga Bronce Norte 21/22 e anunciouse desde o club a rolda de prensa para a presentación das novas incorporacións e da campaña de socios.
Falta por coñecer a todos os rivais da Escola Lubiáns, pero o que é seguro e que xogarán cos mellores equipos do norte de España. Ademais dos 3 galegos, cóntase coa inscrición de 3 asturianos, 1 cántabro, 2 vascos, 2 navarros, 2 castelano-leoneses e 1 aragonés. A liga ten previsto o comezo para o 16 de Outubro e rematará previsiblemente o 28 de Maio.
ROLDA DE PRENSA – PRESENTACIÓN NOVAS INCORPORACIÓNS
O vindeiro martes 27 de Xullo ás 20.00h no pavillón do CEIP San Luis Romero (o Carballo Calero está provisionalmente en obras) farase unha pequena presentación das dúas novas incorporacións: Hugo Mosquera (18 anos, A Coruña) dianteiro procedente do Dominicos e Steven Novo (20 anos, Carballo) medio procedente do HC Liceo e que a tempada anterior esperaba poder xogar en Francia, pero por mor da pandemia tivo que regresar. Os dous xogadores son fichaxes moi novos, pero con moita calidade, que veñen con moitas ganas e ilusión de sumar neste apaixoante proxecto da Ok Liga Bronce. Tamén nos vindeiros días, a Escola Lubiáns comezará a facer públicas as renovacións da plantilla e informará sobre as novas en redes sociais e mail.
ROLDA DE PRENSA – CAMPAÑA DE SOCIOS
O mesmo martes 27 ás 20.00h no pavillón do CEIP San Luis Romero presentarase a campaña de socios que abrirase próximamente para esta tempada 21/22 que pode ser histórica para o club ao poder participar por primeira vez nunha liga regular a nivel nacional, a OK LIGA BRONCE.
Foto e fonte: Escola Lubiáns