O Baxi Ferrol segue dando forma ao seu proxecto para a próxima tempada e confirmou este mércores a súa segunda incorporación co fichaxe de Esther Castedo (Lugo, 2000).
A base lucense chega ao conxunto ferrolán despois de completar unha notable campaña no Lointek Gernika Bizkaia, equipo co que competiu tanto na Liga Femenina Endesa como na EuroCup Women. Castedo, que nas últimas tempadas defendera a camiseta do Ensino Lugo, deixou bos rexistros na competición doméstica co conxunto vasco. Na Liga Femenina Endesa sumou 192 puntos e converteuse na segunda máxima anotadora do seu equipo desde a liña de tres, con 44 triplas anotadas. Ademais, achegou 49 rebotes e 67 asistencias, demostrando a súa capacidade para contribuír en diferentes facetas do xogo. A súa actuación na EuroCup Women tamén foi destacada, pois a lucense asinou 95 puntos, foi novamente a segunda mellor triplista do equipo con 23 acertos exteriores e completou os seus números con 26 rebotes e 37 asistencias nos 12 encontros que disputou.
Esther Castedo é unha xogadora rápida, con gran habilidade no manexo do balón e versátil para ocupar tanto a posición de base como a de escolta. O seu bo lanzamento exterior convértea nunha peza de gran valor para o novo proxecto ferrolán.
Formada nas escolas do Cidade de Lugo, continuou a súa progresión no Estudiantes de Lugo, o CB Sarria e o Ensino Lugo antes de dar o salto aos Estados Unidos aos 18 anos. Alí obtivo unha beca na Robert Morris University, en Pittsburgh (Pensilvania), onde compaxinou os estudos coa súa carreira deportiva. Tras graduarse, regresou a España para xogar tres campañas no Ensino Lugo na LF Endesa, antes de recalar este último curso no Gernika. Ademais, tamén foi internacional nas categorías inferiores da selección española, logrando unha medalla de prata no Europeo U18 e un bronce no Mundial U19.
Coa chegada de Esther Castedo, o Baxi Ferrol suma xa a súa terceira peza confirmada para o novo curso, tras o fichaxe de Kateřina Galičková e a renovación de Karolina Šotolová.
Foto: Sadmoody241




