O baloncesto ferrolán vivirá unha auténtica final anticipada este sábado ás 18:00 horas no pavillón Javier Gómez Noya, onde o Costa Ártabra xogará o acceso á Final Four fronte ao Novobasket no último partido na casa do equipo nesta tempada.
O conxunto local afronta o encontro cun obxectivo claro: gañar por unha diferenza de polo menos 9 puntos para certificar a súa clasificación. Con todo por decidir, o partido preséntase como o máis importante da tempada para os departamentais, que buscarán apoiarse na súa fortaleza colectiva e no factor cancha para lograr a remontada necesaria.
O adestrador do Costa Ártabra, Carlos Cotovad, valorou positivamente o momento do equipo na antesala deste decisivo encontro: “Ter superado o baixón de xogo, confianza e resultados e ter a opción de xogalo diante da túa afección é un luxo, e di moito do grandísimo esforzo feito polo cadro de xogadores para superar esa situación; gañaron o dereito a loitalo cando parecía totalmente unha quimera”, destacou, poñendo en valor a capacidade de reacción do grupo nas últimas semanas.
O ambiente será, sen dúbida, un dos grandes protagonistas da tarde. Espérase un cheo absoluto nas bancadas do Javier Gómez Noya, cunha notable presenza de xogadores e familias da canteira do club, que non queren perder esta cita clave. O apoio da afección pode resultar determinante nun duelo que promete intensidade desde o salto inicial.
En fronte estará un Novobasket que chega con vantaxe e que intentará xestionar a súa renda, consciente da dificultade de xogar nun pavillón que se entregará por completo ao seu equipo.
Foto: sadmoody241




