A base checa convértese na primeira renovación do conxunto ferrolán tras unha destacada tempada na Liga Feminina Endesa e na EuroCup Women.
A base checa Karolina Šotolová converterase na primeira renovación do Baxi Ferrol de cara á próxima tempada. A xogadora continuará así ás ordes de Lino López, consolidándose como unha peza fundamental no esquema do técnico ferrolán tras o gran rendemento ofrecido no seu primeiro curso na Liga Feminina Endesa.
Šotolová destacou desde a súa chegada pola súa capacidade anotadora e pola súa versatilidade no xogo exterior. Na competición ligueira asinou uns números moi destacados, con 275 puntos, 87 rebotes e 70 asistencias, converténdose nunha das referencias ofensivas do conxunto departamental. Ademais, foi a segunda máxima triplista do equipo con 47 lanzamentos convertidos desde a liña de tres puntos, só por detrás de Moira Joiner, que rematou o curso con 56 triplos.
A internacional checa tamén deixou a súa pegada na participación europea do club na EuroCup Women. Na competición continental acumulou 103 puntos, 31 rebotes e 21 asistencias, confirmando a súa importancia no equipo en citas de máxima esixencia. Nesta ocasión, Šotolová si liderou o apartado de lanzamentos exteriores, converténdose na máxima triplista do Baxi Ferrol en Europa con 21 acertos.
Deste xeito, Karolina Šotolová convértese na segunda xogadora confirmada para o vindeiro curso no cadro ferrolán, despois da incorporación da tamén xogadora checa Kateřina Galičková, reforzando así a aposta do club polo talento procedente da República Checa.
Foto: Sadmoody241




