O Baxi Ferrol saca a súa mellor cara e dobrega ao Sportiva Azoris Hotels por 82-45 cun primeiro cuarto que roza a perfección, sumando a segunda vitoria no grupo J da EuroCup Women.
Unha vez máis o Baxi Ferrol citábase para outra noite máxica con motivo da terceira xornada da EuroCup Women e recibía para iso ao conxunto portugués do Sportiva Azoris Hotels dirixido por Ricardo Botelho. As ferrolás chegaban como segundas do Grupo J cunha vitoria ante o KP Tany Brno e unha derrota co Galatasary Cagdas Factoring, mentres que as visitantes facíano con dúas derrotas. Para este encontro, Lino apostou por dar entrada no quinteto inicial a Ángela Mataix, Moira Joiner, Gala Mestres, Julie Pospisilova e Claire Melia, e doutra banda, Ricardo Botelho saíu con Mariana Carvalho, Monique Soares, Teresa Mbomio, Zakiyah Franklin e Leonor Serralheiro.
O primeiro cuarto comezou con Gala Mestres deixando o seu selo de identidade nunha xogada individual marca da casa na que sumou un 2+1. O Baxi Ferrol puxo a directa nos primeiros minutos e estábase gustando na cancha, deixando un parcial de 15-0 no primeiros catro minutos de encontro cunha Gala estratosférica que xa sumaba 11 puntos na súa marcadora e con tres recuperacións por parte de Julie Pospisilova. As ferrolás non baixaban o ritmo e chegaron a asinar un parcial máximo de 20-0 ata a primeira canastra rival por obra de Teresa Mbomio, ademais de que se viviu un bonito momento por parte do público que dedicou un gran aplauso á canteirá Elena Baldonedo cando entrou en pista. O primeiro acto finalizou cunha bonita canastra de Alba Sánchez-Ramos que deixaba ás ferrolás cun 30-12, con Gala Mestres sumando 11 puntos que a convertían na máxima anotadora do encontro, e Mariana Carvalho e Teresa Mbomio con 4 cada unha para as portuguesas.
O segundo cuarto empezou igual que acabou o anterior, con canastra das locais e nesta ocasión con Noa Morro como protagonista encestando dous tiros libres. O ritmo do partido decaeu lixeiramente nos primeiros minutos do segundo período, feito natural debido á ampla vantaxe das ferrolás no marcador, e aínda que o Sportiva tratou de aproveitar esta pequena relaxación e reducir a distancia a 17 puntos, pronto as de Lino López volveron apertar e recuperar os 20 arriba. O partido iríase ao descanso cun 44-22 e nos apartados individuais Gala Mestres seguía liderando en anotacións con 11 puntos e polas rivais Zakiyah Franklin con 6.
Os dous conxuntos volverían á pista nos últimos minutos do descanso coa ausencia de Moira Joiner, que non participou nos exercicios do quecemento antes do terceiro acto tras retirarse durante o segundo afectada dun golpe na cara, polo que Lino López decidiría non arriscar e deixar á americana no banco polo resto do encontro. En canto ao xogo, o Baxi Ferrol seguía ao seu, moi ben en ataque, controlando ás rivais e mantendo a vantaxe no marcador, así como nas tarefas defensivas provocando erros forzados nas rivais. O cuarto chegaría ao seu fin cun resultado de 56-33 e con Gala Mestres con 17 puntos e Zakiyah Franklin sumando 9 puntos ao seu favor.
Os primeiros minutos do último cuarto foi un espectáculo para o espectador abrindo a lata Alba Sánchez-Ramos seguido dun triplo de Julie Pospisilova con asistencia da canteirá Elena Baldonedo, ao que respondía Mariana Pereira ao instante. No ecuador do período o Baxi vencía por 71-40 e Julie Pospisilova seguía cargando o seu fusil anotando o seu segundo triplo antes do tempo morto solicitado por Ricardo Botelho. O público quería a canastra da canteirá, que aínda que non o logrou, marcharíase con 1 asistencia e 11:25 minutos nun encontro no que o Baxi Ferrol finalmente impoñeríase por 82-45 con Gala Mestres como a máxima anotadora e MVP do encontro con 22 puntos, polos 14 de Zakiyah Franklin.
Con esta nova vitoria, o Baxi Ferrol consolídase na segunda posición do Grupo J con dúas vitorias e unha derrota, e terá o seu próximo compromiso europeo o mércores 30 de outubro ás 18:00 en terras turcas ante o invicto Galatasary Cagdas Factoring, aínda que previamente terá que disputar a cuarta xornada da liga Feminina Endesa este domingo ás 12:00 fronte ao Hozono Global Jairis.
RESULTADO: Baxi Ferrol 82-45 Sportiva Azoris Hotels
BAXI FERROL: Ángela Mataix (5), Moira Joiner (7), Gala Mestres (22), Julie Pospisilova (10) e Claire Melia (8); Carlota Menéndez (6), Mimi Collins (12), Alba Sánchez-Ramos (6), Noa Morro (6) e Elena Baldonedo (0).
SPORTIVA AZORIS HOTELS: Mariana Carvalho (4), Monique Soares (4), Teresa Mbomio (6), Zakiyah Franklin (14) e Leonor Serralheiro (2); Pamela-Therese Effangova (8) e Mariana Pereira (7).
CUARTOS: 30-12; 44-22 (14-10); 56-33 (12-11); 82-45 (26-12).
ÁRBITROS: Jules Gaduel, Martin Demierre e Tom De Lange. Sinalaron un total de 21 faltas, 10 a favor do Baxi Ferrol e 11 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á terceira xornada da EuroCup Women celebrado no Pavillón de A Malata.