O Baxi Ferrol planta cara no primeiro cuarto pero termina caendo ante o Perfumerías Avenida na terceira xornada da Liga Feminina Endesa por 59-83.
Coa recente vitoria na EuroCup Women na súa travesía polas terras checas, o Baxi Ferrol volvía á competición nacional recibindo na terceira xornada a un dos cocos da competición como é o Perfumerías Avenida. As de Lino López chegaban como undécimas na clasificación cunha vitoria ante o Kutxabank Araski e unha derrota ante o Spar Xirona, mentres que as de Anna Montañana facíano desde o cuarto posto e dúas vitorias ante o Osés Construción Ardoi e o Cadí A Seu.
O quinteto elixido das locais estaba conformado por Carlota Menéndez, Moira Joiner, Gala Mestres, Julie Pospisilova e Mimi Collins, mentres que as visitantes saían con Andrea Vilaró, Iyana Martín, Sika Kone, Arella Guirantes e Laura Gil. O conxunto ferrolán presentaba a baixa de Blanca Millán por unha sobrecarga e Lino dáballe descanso para non arriscar unha posible lesión.
O primeiro cuarto empezou con dominio das salmantinas, que iniciaban cun 0-7 de parcial aínda que con varias decisións polémicas por parte do trío arbitral por un triplo non concedido ao Baxi que o público reclamou dentro de tempo e seguido dunha técnica a Lino López. A pesar diso, as ferrolás reaccionaban pronto da man de Gala Mestres e metíanse no partido. O gran momento chegou no últimos corenta segundos nos que unha inspirada Alba Sánchez-Ramos enchufó dous triplos consecutivos cos que pechou o resultado no primeiro período favorable ás ferrolás por 18-15, sendo a propia Alba a máxima anotadora do encontro e das locais con 6 puntos e das visitantes Kone e Guirantes con 5 cada unha.
No segundo cuarto o Perfumerías Avenida xa mostraba a súa mellor versión como conxunto que cada tempada é candidato ao título, e iso que o cuarto comezou con tensión cunha falta persoal de Harrigan e tamén antideportiva por encararse ante Claire Melia, que mantivo a compostura en todo momento. As de Anna Montañana puxéronse o mono de traballo e en cambio, o Baxi Ferrol, volveu sufrir unha desconexión total como lle ocorreu ante o Galatasaray no segundo cuarto, con varias perdas en ataque que as rivais aproveitaban. Empezábaselle a ir o partido ás locais, con 9 puntos abaixo no marcador que obrigaba ao técnico local a solicitar tempo morto para cortar a sangría. O Baxi non atopaba o camiño para canastra, fallando dúas consecutivas practicamente baixo aro e as salmantinas seguían ao seu, cheirando o sangue e aproveitando o mal momento que atravesaba o Baxi Ferrol neste período para tratar de encarrilar o encontro con 15 de vantaxe a falta de minuto e medio. Finalmente o partido marcharíase ao descanso con 27-45, tan só 9 puntos a favor por 30 das rivais. Alba Sánchez-Ramos seguía liderando o apartado anotador con 6 puntos e por parte das visitantes Kone sumaba 13 na súa marcadora.
Tras o paso por vestiarios o Baxi Ferrol mostraba melloría nas prestacións ofensivas, pero o Perfumerías Avenida seguía ao seu, metendo case todo o que lanzaban e demostrando porqué son un dos candidatos ao título ligueiro cada tempada. As ferrolás non conseguían achegarse no marcador e mesmo se ampliaba a desvantaxe ata os 22 puntos, finalizando o período por 43-65, con Alba Sánchez-Ramos comandando a faceta anotadora para as locais con 8 puntos e polas rivais o dúo formado por Kone e Guirantes con 15 para cada unha.
No último cuarto, sen nada que perder, o Baxi tentaba unha última arrancada para tratar de volver meterse no partido, pero as de Anna Montañana non baixaban o ritmo e mantiñan a distancia, estando con 23 arriba a falta de tres minutos para o final do encontro. A pesar de que a derrota estaba preto e que en tres días o Baxi Ferrol volvería a enfundarse a indumentaria para a competición europea, o Baxi Ferrol pelexaba por maquillar o resultado, caendo nun deses partidos nos que a derrota non doe, por 59-83. A máxima anotadora para as ferrolás foi Alba Sánchez-Ramos, que asinou un gran partido con 11 puntos e o tándem Kone e Guirantes lideraron ás visitantes con 15 para cada xogadora.
O Baxi Ferrol terá cita europea este mércores recibindo ás 20:00 no Pavillón da Malata ao conxunto portugués do Sportiva Azores Hotels e o domingo tocará viaxar ata Murcia para medirse na cuarta xornada da LF Endesa ao Hozono Global Jairis no Pavillón Fausto Vicent ás 12:00 horas.
RESULTADO: Baxi Ferrol 59-83 Perfumerías Avenida
BAXI FERROL: Carlota Menéndez (6), Moira Joiner (3), Gala Mestres (8), Julie Pospisilova (4) e Mimi Collins (4); Ángela Mataix (4), Claire Melia (8), Alba Sánchez-Ramos (11), Noa Morro (7) e Jori Davis (4).
PERFUMERÍAS AVENIDA: Andrea Vilaró (8), Iyana Martín (9), Sika Kone (15), Arella Guirantes (15) e Laura Gil (5); Laura Cornelius (3), Masa Jankovic (7), Mikiah Harrigan (6), Arica Carter (4) e Mariella Fasoula (11).
CUARTOS: 18-15; 27-45 (9-30); 43-65 (16-20); 59-83 (16-18).
ÁRBITROS: Juan Pedro Morales García – Alcaide, Sandra Sánchez González e Alejandro Calvo Aceña. Sinalaron 32 faltas, 14 a favor de Baxi Ferrol e 18 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á terceira xornada da LF Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.