O Escola Basket Xiria afrontará unha nova tempada cun equipo moi rexuvenecido e coas baixas por motivos laborais de xogadores importantes como Pablo e Asier, así como a de James e Nahuel.
Como reforzos chegan ao equipo os prometedores xogadores, o pívot Omar Thiam e base Nico Cebrián, xogadores que adestran co Leyma Coruña da Liga Endesa, así como varios como dous xogadores do ano de 2006, de primeiro ano, apostas de futuro, como son Javi González e Nacho Luaces.
En palabras do técnico, Héctor Méndez, “a xuventude no equipo fará que téñamos moita mais ilusión, pero tamén mais erros, xa non éramos un equipo con moita experiencia, e nesta tempada teremos que ter paciencia para que os rapaces se vaian formando, que corran riscos e que sexan atrevidos”.
O Calvo Basket Xiria buscará manter a súa identidade que tan bos resultados lle deu a pasada tempada na que competiron por enriba das súas posibilidades. Un equipo moi novo e que a xuízo de Héctor Méndez as claves pasan por “ser moi solidarios, correr moito, arriscar en defensa, xogar moitas posesións, ser verticais e lanzar moito a canastra”. Un equipo moi atrevido que terá que adaptarse aos cambios no cadro de xogadores, algo que xa puideron facer na Copa Galicia onde competiron a bo nivel, cunha vitoria e dúas derrotas, pero con boas sensacións no traballo de pretemporada do equipo carballés.
Na competición de Liga os de Héctor Méndez non se poñen ningún obxectivo concreto, xa que “iso dependerá dos equipos que formen os demais clubs”. Coa idea de ir medrando co paso das xornadas e de competir en cada un dos partidos afrontará o Calvo Basket Xiria unha Liga EBA moi esixente, con moita humildade e cautela, pero sen renunciar a poder vivir unha tempada tan cómoda como a pasada, nun curso onde o técnico dos de Carballo agarda poder botar man dalgúns dos rapaces da canteira do club que traballaron co primeiro equipo na pretemporada.