Éxito rotundo na final do I Circuito 3×3 Eume organizado por Hoops Eume

Pontedeume acolleu esta pasada fin de semana a gran final do I Circuito 3×3 Eume, un evento que reuniu durante dúas intensas xornadas a xogadores e xogadoras de gran nivel, desde a categoría senior ata a canteira, consolidando á vila eumesa como un novo referente do baloncesto 3×3 en Galicia.

O sábado foi a quenda das categorías senior masculina e feminina, cun nivel de xogo inesperado mesmo para a propia organización. O ambiente estivo acompañado de música en directo, sorteos de produtos dos colaboradores, camisetas de edición limitada, ademais da cantina do torneo. Como novidade, contouse co apoio da Consellería do Mar, que achegou un food truck da campaña “Galicia Sabe a Mar”, ofrecendo tapas gratuítas ao público asistente.

No apartado masculino, brillaron dous equipos por encima do resto. O conxunto comarcal “Cuádruple A” (Carlos Gil, Amir Valcárcel, Dani Fortes e Koke Aller) mediuse na final a MVP Academy Portugal, un equipo integrado por catro xogadores brasileiros en xira por Europa para competir en torneos FIBA. A vitoria foi para o conxunto luso nun partido de gran intensidade.

No feminino, a igualdade marcou toda a xornada, sen ningún equipo invicto no torneo. Finalmente, Maristas 3×3 impúxose ao equipo coruñés CCSS por 18-12, levándose o premio de 300 €.

O domingo estivo reservado para a canteira, cun ambiente familiar, alegre e cheo de ilusión que deixou auténticos partidazos:

– U13 masculina: vitoria de SHARKS cun triplo sobre a bucina de Antonio Gómez (14-15).
– U13 feminina: triunfo de «Las Chulis», auténtica revelación do torneo, fronte ás súas compañeiras do CB Pontumio.
– U15 masculina: sorpresa de «Los Barberos», que venceron con claridade (19-10) a Maristas 3×3, favoritos da categoría con integrantes da selección galega 3×3.
– U15 feminina: dominio de «Kinder Buenas», con tres xogadoras do Celta Baloncesto.
– U17 masculina: título para Furgollanos, cun destacado David González-Llanos baixo os aros (16-13 a Bellacos).
– U17 feminina: remontada épica de «Air Patata» ante Aldea Killers, con triplos decisivos de Ana Porto, Nadia Brañas e Paulina Téllez.

O torneo tamén incluíu o concurso de tiro CHAVS, onde o sábado impúxose Antón López e o domingo fíxoo Ana Porto, intratable desde o perímetro.

Desde a organización, Isma “Izzy” Fernández expresou a súa satisfacción: “Estamos todos moi contentos. Sabiamos que arrincabamos con pouca marxe de tempo, pero o equipo que se xuntou para facelo posible foi un luxo. Cos recursos que tiñamos non podiamos facelo mellor, e ver a tanta xente gozar dános forzas para seguir fomentando este formato de baloncesto 3×3”.

Con esta primeira edición, Hoops Eume dá un paso adiante na promoción do baloncesto na comarca, situando a Pontedeume no mapa dos grandes eventos deportivos do verán.

Info e foto: Hoops Eume

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde