Hoops Eume pecha o verán con dobre final en Galicia e Portugal

O verán chega á súa recta final e Hoops Eume farao ao grande, cunha fin de semana decisiva que confirma o seu crecemento dentro do panorama do baloncesto 3×3.

O sábado 30 de agosto, o club eumés terá presenza na Final do Circuito Galego 3×3, que se celebrará nas inmediacións do Outlet de Culleredo. Alí competirán polo título de campioas galegas na categoría feminina María Coira, Shara Romero, Carla Peña e Paula Baldonedo. No apartado masculino, o equipo estará formado por Jorge Aller, Amir Valcárcel, Isma Fernández e Marcos Fernández, en busca da gloria autonómica.

O domingo 31 de agosto, a escuadra masculina de Hoops Eume viaxará a Maia (Portugal) para disputar a Final do Circuito Nacional Portugués, unha cita internacional de primeiro nivel. O roster eumés estará composto por Nilo Barreiro, Jorge Aller, Amir Valcárcel e Isma Fernández, que se medirán a algúns dos mellores equipos do continente.

Nesta final estarán representados un total de 9 equipos de diferentes países: os galegos Hoops Eume e Vigo 3×3 como únicos representantes españois, ademais de 3 equipos portugueses, 1 brasileiro, 1 caboverdiano, 1 francés e 1 angoleño. Un cartel que converte a cita nunha auténtica festa internacional do 3×3.

Dous torneos de máximo nivel en apenas 48 horas, que servirán para pechar un verán histórico, afianzando a Hoops Eume como referencia galega e situándoo na elite do circuíto portugués.

Sobre este intenso final de tempada, Isma Fernández, presidente da asociación e xogador en ambos os compromisos, destacou: “foi un verán esixente, pero tamén moi especial. Vimos como o 3×3 crece en Galicia e como cada vez se suman máis xogadores e organizadores ao movemento. Para Hoops Eume, estar no Marisquiño, organizar o noso propio circuíto e agora disputar dous finais no mesmo fin de semana é a mellor recompensa ao traballo de todo o equipo”.

Info e foto: Hoops Eume

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas