O Escola Lubiáns non tivo piedade do HC Raxoi e endosou unha auténtica goleada por 12-3 con Danilo e Eudald Cañete como principais protagonistas da quinta xornada da OK Liga Bronce disputada no Pavillón Carballo Calero tras anotar cinco e catro goles respectivamente, e completar o aluvión de goles Manu Ruibal cun tanto e Chipi con dous.
Os de Carlos Loureiro van a por todas esta tempada en busca do soñado ascenso e demostrárono na quinta xornada coa goleada que endosaron aos santiagueses o pasado sábado e que lles levou, cun partido máis, a establecerse na segunda posición da clasificación e a un punto do líder, o RC Jolaseta.
O partido comezou cun pavillón que rexistraba boa entrada, con moitos afeccionados que se achegaron para animar aos seus. As cousas non empezaron ben para os carballeses, que viron como o conxunto santiagués adiantábase no electrónico por medio de Álvaro Barral, pero precisamente este contratempo sería o detonante do que estaba por vir. Como un león ferido, o Escola Lubiáns se relambeu as feridas, mirou directamente aos ollos da súa presa e soltou unha primeira dentada por medio de Eudald Cañete para asinar as táboas, pero non contento con iso, chegaron dous ataques letais máis por medio de Manu Ruibal e novamente Cañete para poñer aos seus con dous de vantaxe. A pesar diso, a presa revolvíase e atopaba a oportunidade para volver meterse no partido cun gol de Adrián Fuentes. Co 3-2, o conxunto carballés puxo freo aos sustos ao entender que non debían ter piedade coa súa víctima, e esta vez era Danilo quen golpeaba en dúas ocasións para deixar cambaleando aos rivais e poñer o resultado de 5-2 ao descanso.
Tras o paso por vestiarios, chegaría o festín de goles. Os de Carlos Loureiro saíron como quenllas que cheiraron o sangue e buscaban finalizar á súa presa. Cañete era o primeiro en dar unha nova dentada á súa vítima neste segundo acto do partido, para seguirlle Danilo de penalti. Ambos os xogadores asinaban un hat-trick cada un. Cañete rompería a balanza anotando o seu cuarto tanto particular, pero outro dobrete de Danilo deixábao como máximo goleador do partido con cinco tantos polos catro logrados por Cañete. O marcador reflectía un 10-2 para deleite dos afeccionados locais, que viron como Hugo García facía o terceiro para os seus, pero o Escola Lubiáns aínda tería unha última arrancada e por medio de Chipi sumaba outros dous tantos para pechar o encontro cunha goleada antolóxica de 12-3 e deixar a Danilo como máximo goleador da liga con 13 tantos, un máis que o xogador do RC Jolaseta, Jaime González.
Fotos: @fotoschimpi