FRAN GAREA: Do Conco á selección española

Coma se dunha autoestrada recentemente creada se tratase, o tráfico entre Voley Dumbría e a Selección Española púxose a funcionar fai apenas tres meses e xa ten pinta de que vai ir aumentando co paso do tempo, sobre todo se prestamos atención a esa xeración de 2007 e 2008 que vén dando alegrías campionato tras campionato e a que pertence Fran Garea (Corcubión, 2007).

O infantil, que xoga na posición de central, foi chamado a comezos de agosto pola Federación Española de Voleibol para participar na última concentración do programa 2025, un proxecto que aborda a misión de atender aos procesos de desenvolvemento deportivo a largo prazo e que cubre, en especial a xeración nada entre 2005 e 2008. “A federación chamou a miña nai e xa veu meu pai a dicilo”, comenta o aínda sorprendido Fran: “Non mo esperaba para nada e menos que me chamaran a min só, porque creo que no meu equipo hai máis xente que se merecía ir”.

De feito, el é un dos que menos tempo leva xogando do equipo infantil que ven de proclamarse subcampión de España e da selección autonómica que gañou o torneo estatal. “Levo xogando tres anos e empecei directamente en Dumbría, xa que meu irmán levaba bastante tempo xogando alí e Luis Alberto sempre me dicía que fose a probar a ver se me gustaba”, destaca. E vaia se lle gustou e se lle dou ben. Tanto, que entre o 28 de agosto e 5 de setembro estará en Guadalajara acompañado dos mellores de toda España da súa idade.

Aínda así, non será o primeiro en tomar ese camiño dende o Conco ás concentracións nacionais, xa que o encargado de inauguralo, cunha peaxe por medio (actualmente xoga no Textil Santanderina), foi Unai Larrañaga, que tras disputar a Liga Europea ca selección sénior no mes de xuño, volveu a ser convocado desta vez para o Campionato de Europa, que comeza o 1 de setembro en Finlandia.

“Imos con moi boas sensacións tras a preparación de todo este mes en España, Portugal e Estonia, pero hai que ser conscientes do gran nivel das seleccións ás que nos enfrontaremos”, di Unai con respecto a Holanda, Turquía e Rusia (finalista olímpica), coas que compartirán grupo. A espera de saber como van os resultados, a gran nova é a súa adaptación total a un grupo do que xa poderemos consideralo un habitual. Como habitual seguro que comeza a ser que máis xogadores formados no voley Dumbría comecen a transitar ese camiño que este ano xa cruzaron Fran e Unai.

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas