Despois de varios anos moi esixentes no que a horarios e conciliacións se refire, Luis Alberto decidiu deixar o seu posto no banco do equipo sénior do Voley Dumbría, ao que situou na Superliga 2 e co que chegou a cotas inimaxinables, como participar na Copa Príncipe ou na fase de ascenso á máxima categoría.
O seu relevo o colle agora Néstor González, o xogador referencia nas últimas tempadas, que xa estaba a preparar os adestramentos o último ano e que xa exerce como adestrador nas categorías base do club e da federación. Xunto a el, estarán no cadro técnico David Redonda, tamén xogador referencia, e David Rama e Xaco, que se ocuparán de corrixir os erros e mellorar as tácticas durante os encontros dende o banco.
Un sistema que levaron a cabo durante toda a preparación, que durou algo menos de dos meses e na que conseguiron, entre outros triunfos, ser terceiros na Copa Galicia, onde se enfrontaron a tres equipos de Superliga 1. Non obstante, este sábado (18:30) comeza a competición oficial no Conco, onde recibirán a un dos descendidos da máxima categoría, polo que se prevé que será un dos conxuntos que estarán nos postos altos, o Textil Santanderina. Equipo no que xoga Unai Larrañaga, dumbriés e formado no club que vén de participar este verán na Liga Europea e no Campionato de Europa coa selección española absoluta.
O seu, de seguro que será un retorno moi aplaudido pola afección do Voley Dumbría, que este sábado poderá volver ao pavillón despois dunha tempada na que se notou moito a súa ausencia, xa que o do Conco, adoitaba a ser un dos mellores ambientes de toda a categoría. Alí poderán ver, ademais, as tres novas fichaxes: Rubén Martínez (Bruxas), Alexander Vásquez (Colombia) e Renzo Mendoza (Colombia).