Volei Dumbría

VOLEI DUMBRÍA, orgullosos de que un cuarto posto saiba a pouco

O Volei Dumbría rematou a tempada como cuarto clasificado da Superliga 2 tras perder os dous últimos encontros ante San Sadurniño e Sayre.

Un cuarto posto que valoran positivamente dende o club, pese a que nos últimos anos foran capaces de instalarse nas zonas máis altas da clasificación. “Foi unha tempada moi complicada porque desde o comezo estaba chea de incertezas, polo que o tratamos como un ano de transición e fomos prudentes cas fichaxes porque non tiñamos claro que se puidese completar a competición e polo risco de contaxios”, resalta un Luis Alberto que reivindica esa cuarta posición, “Non lle damos o valor que realmente ten nun ano no que houbo máis nivel que nunca e no que ata a penúltima xornada tivemos opcións de meternos na fase”.

Esta foi a quinta tempada do club na segunda categoría nacional, e difícil sería pensar en aquel xa afastado 2016, que os rapaces da casa, como Marcote, Fedello, Floreal ou Yoel xa serían xogadores totalmente consolidados na liga. Precisamente con esa “confirmación definitiva” da xente que creceu no club é ca parte positiva ca que se queda o míster.

Aínda así, se detén a sinalar tamén o que menos lle gustou da tempada: “Xogamos cunha presión ca que non deberíamos. Este ano non tiñamos a obriga da fase de ascenso, pero en vez de ser un aliciente para xogar máis relaxados, foi un lastre durante todo o ano”, lamenta ao mesmo tempo de que se alegra de que o traballo deste último lustro levase ao equipo a ser considerado como favorito por todos os seus rivais, “Para os rivais éramos o rival a batir, pero nos non tiñamos que ter esa presión e acabounos penalizando”.

Agora, co equipo outra vez sen competir dende marzo, comezan a pensar xa na tempada que ven. Haberá que esperar a ver que é o que sucede ca Superliga 2, que todo parece indicar que volverá ao formato tradicional, con dous grupos en vez de tres. Se iso ocorre, o adestrador corcubionés é claro: “Hai que ser conscientes de que a categoría cambiou moito dende que chegamos e igual o club deberá replantexarse a idea coa que saír a competir e comezar a pensar en como reforzar o equipo”, valora antes de recalcar que “o primeiro é saber como será a liga”.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas