Fran Garea: “Esta tempada creo que temos un equipo que lle pode competir a calquera e iso xa se viu durante o ano”

José Francisco Garea Fernández (Corcubión, 2007) é un central do Volei Dumbría formado desde a canteira, un xogador que viviu e respirou as cores dumbriesas no que leva de carreira deportiva.

O seu talento levoulle máis aló do club: formou parte dunha concentración coas categorías inferiores da selección española e competiu en dúas CESA defendendo ao equipo galego, deixando claro que a súa proxección no voleibol é tan imparable como a súa paixón polo xogo.

Que destacarías do Dumbría?
Do Dumbría destacaría o valor que lle dan á canteira, xa que desde sempre, mesmo cando o equipo chegou a Superliga 2, a base seguiu sendo a xente de casa. O club aposta de verdade polos xogadores de aquí, e iso nótase na confianza que nos deron a algúns de nós para que, con só 17 anos, puidésemos empezar a xogar co equipo senior e competir a este nivel. Na maioría dos equipos da categoría isto non é tan normal, xa que adoitan apostar máis por fichaxes de fóra, mentres que en Dumbría prioriza o crecemento dos xogadores de casa. Mesmo cando se chegaron a disputar a fase de ascenso e a Copa Príncipe, no sexteto titular había como mínimo tres xogadores formados no club.

Que valores crees que transmite o club aos seus xogadores?
Respecto aos valores, levo desde os 11 anos no club e sempre destacaría a proximidade con toda a xente e o sentimento de pertenza. Ao final, cada vez que falo sobre a tempada, tanto a actual como as futuras, con Tiago ou con Iago (Larra), aos tres encantaríanos poder xogar unha Copa ou unha fase de ascenso co equipo co que levamos xogando toda a vida. As dúas competicións que chegou a xogar o equipo, a Copa e a fase de ascenso, foron en Dumbría, e disputar partidos tan importantes en casa, vendo o pavillón no que adestras todas as semanas cheo de xente animando, pareceríame algo incrible. Outro dos valores que xa comentei antes é a confianza: esa confianza que o club deposita en nós, os máis novos, para competir e xogar nunha división tan esixente como esta.

Como estás a ver a tempada?
Esta tempada creo que temos un equipo que lle pode competir a calquera e iso xa se viu durante o ano. Ao Voley Téxtil, que gañou a Copa Príncipe hai unhas semanas, gañámoslle na casa 3-0 e este finde escapóusenos o partido alí por detalles. Algo parecido pasou tamén con San Sadurniño, o outro finalista da Copa, co que nos fomos ao quinto set. É verdade que somos un equipo moi novo, pero iso tamén ten un plus, xa que temos moitas ganas e moita marxe de mellora, polo que creo que esta segunda volta o equipo irá a máis. En casa somos un equipo moi difícil de gañar, e ao final, xogar coa bancada a favor e na pista na que adestras todas as semanas, nótase. Creo que, se conseguimos mellorar os resultados fóra de casa, fará que subamos postos na clasificación e mesmo, por que non, pelexar por entrar na liga de ouro do ano que vén, xa que vendo como se están dando os resultados este ano, na nosa liga calquera cousa pode pasar.

Foto: fotofuentes

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde