O oposto Néstor González Jerez (Maracay, 1988) é un xogador de talento sublime que leva no conxunto dumbriés gran parte da súa vida deportiva, pasando por equipos como o Guerreros de Guarico, Bucaneros da Guaira, Mediterráneo de Castellón e L’illa-Grau, sendo internacional con Venezuela e en volei praia.
Como estás a ver a evolución do equipo nas últimas tempadas?
Nas últimas tempadas o equipo demostrou un gran nivel deportivo, tendo en conta que contamos con moitos xogadores xóvenes. Dous estiveron na Selección, como Iago e Tiago, dous grandísimos xogadores que teñen moito futuro, aparte de xogadores como Fran, Sanjurjo ou Germán, que están a subir o nivel. Tamén xogadores como Costa, Javier, Raúl e Sergio, demostrando que cada día están para xogar e sempre tendo os nosos dous ou tres fichaxes para darlle un gran nivel ao equipo, e Máximo, outro xogador novo que achega moito ao equipo, e contamos con dous cadetes como Mateo e Brais, que están a adestrar co primeiro equipo.
Que obxectivo perseguides este ano?
O obxectivo para o Dumbría é sempre estar arriba, como se fixeron as tempadas pasadas. Sempre fomos un equipo aguerrido, loitador, e para a afección do Volei Dumbría que apoia este equipo, sempre daremos un gran espectáculo.
Que persoas marcaron a túa carreira deportiva?
A miña esposa Johemy, principalmente, que estivo comigo aquí nas malas e nas boas; os meus pais, que desde a distancia sempre están comigo e preguntando que tal foi, como xogaches ou que tal as lesións, e agora teño un motorciño que se chama Chloe, a miña filla, que se Deus o permite, pódeme ver xogando, e se non, a ver se pode seguir os meus pasos ou mellor (risas).
Foto: fotofuentes




