En Bisbarra en xogo tivemos o pracer de falar con Fran Serantes, coleccionista de material histórico do Racing e creador de Museo RCF1919.
Comezou de maneira case inconsciente a coleccionar a principios dos 90, gardando as entradas nas que apuntaba os resultados e goleadores na parte traseira, sendo unha insignia a primeira peza que entrou na colección.
Inspirouse pola sección de intercambios da revista Don Balón, contactando a xente con intereses comúns e agrandando a colección mediante intercambios, que, no caso de Fran, era material de fútbol en xeral (insignias, postais de estadios, entradas, etc.), sen importar o equipo.
Durante unhas vacacións Fran atopou unha foto do Racing do primeiro campionato galego, unha peza de valor histórico considerable e pola que tomou a decisión de enfocarse nun só club, o Racing de Ferrol. Todo un reto para Fran atopar pezas históricas do Racing e que aos poucos foi incrementando a súa colección con obxectos tan históricos como a entrada da final de Copa do Generalísimo do 39 ou as fotos orixinais daquel encontro, que nin o propio Racing nin o Sevilla dispoñían delas.
Cinco anos atrás, Fran crea Museo RCF1919, que nace do desexo de crear un blogue ou similar co que xuntar as súas dúas afeccións: o coleccionismo e a historia futbolística. Cada unha das súas pezas conta unha parte dos 102 anos do club. Museo RCF1919 tamén lle permite a Fran realizar exposicións (homenaxe á xeración do 92, expo do Centenario, plantación do carballo do Centenario, etc.) e o que Fran máis valora, coñecer a moita máis xente relacionada co mundo do Racing (xogadores, ex xogadores, afeccionados). Un proxecto co que crear un espazo expositivo físico e con localización fixa, onde todo o racinguismo poida gozalo.
Que é para ti ser coleccionista?
É unha mestura entre ser cazador e investigador. Cazador porque sempre tes que estar alerta porque nunca sabes onde pode saltar a lebre. E investigador porque, polo menos a min, gústame moito definir para cada artigo o partido ao que pertence, tempada, por quen foi usado (por exemplo, en caso das camisetas). Son bastante “escrupuloso” con iso. Hai quen se dedica a atesourar material sen máis, e paréceme ben, porque cada un ten a súa forma de facelo e é unha forma como outra calquera, pero para min tanto ou máis importante é o saber situalo no tempo e coñecer a súa intrahistoria. No fondo, cada camiseta, cada bota, cada entrada é un testemuño de algo que pasou no campo de xogo, e se a cada peza pódeslle asociar a súa pequena ou gran historia, iso dálle un valor engadido.
Cantas pezas acumulas a día de hoxe?
Non sabería dicilo porque a cantidade aumenta con frecuencia, sobre todo o número de fotografías, pero por dicir un número aproximado dalgúns ítems, poderían ser uns 300 carteis, 600 entradas, 450 partidos, 90 camisetas usadas por xogador en partido, 10 pares de botas, algunha luva de porteiro. Todo iso, exclusivamente do Racing de Ferrol e organizado por tempadas.
Cal consideras a túa peza máis importante ou á que máis agarimo teslle?
Como peza máis importante talvez poderían ser as fotos e a entrada da final da copa do 39 pola súa importancia histórica, por ser o maior éxito deportivo do club en 102 anos. Non coincide coa peza á que máis agarimo téñolle, que sería a camiseta coa que Pazolo marcou o primeiro gol que se fixo no campo de A Malata.
Que aconsellarías a alguén que desexa empezar unha colección?
Creo que é importante o definir e focalizar. Case por definición, salvo os álbums de cromos, calquera colección que se fai non ten límite. Sempre pode aparecer unha camiseta máis, un reloxo máis, unha miniatura máis… Eu buscaría a “calidade” sobre a cantidade, e enfocándome, por exemplo, no caso do fútbol, nun equipo concreto, no caso de miniaturas, pois nas de tal ou cal coche… porque se non, o que acabas conseguindo é algo moi pouco definido. Tal vez si poidas xuntar moitas pezas do que esteas a coleccionar, pero será complicado darlles unha orde para gozar mellor delas, que, no fondo, é do que se trata: de gozalo.
Fran Serantes coa camiseta do Racing de Ferrol de 1969 e coas botas do ascenso de Jaén usadas por Pablo Rey