GUILLE CARRACEDO: dende a Costa da Morte para o mundo enteiro

Podedes desfrutar tamén co vídeo da entrevista.

 

Graduado en medicina e especializado en traumatoloxía deportiva, Guillermo Carracedo é o máximo expoñente do Paddle Surf en España grazas aos seus cinco títulos nacionais e a grandes logros internacionais.

Ademais, é un dos surfistas de referencia nas redes sociais, onde conta con case un millón e medio de seguidores. Uns seguidores que hai unhas semanas amosaron a súa preocupación por un accidente de tráfico que el mesmo contou…

 

Guille Carracedo fíxonos unha demostración das súas habilidades no Paddle Surf

Como te atopas logo dese susto?

Pois agora, por sorte, non teño nada e estou ben. O certo é que non dependeu de min, foi un tolo que me sacou da estrada cando estaba pola zona de Ferrol buscando novas ondas. Menos mal que a furgoneta que me deixou Mercedes era moi segura, e aínda así quedou estropeada.

De todas formas, os surfistas pouco medo tendes…

Medo non, pero respecto si. Sempre lle hai que ter respecto ao mar e as correntes e hai que ser moi conscientes do nivel de cada un. Pero ao final, o surf non deixa de ser un deporte temeroso no que o que máis se puntúa adoita ser a radicalidade e a determinación.

Me imaxino que eses atributos os terás que demostrar este verán… Que probas e desafíos tes por diante nos vindeiros meses?

Pois si, despois do covid por fin comeza a moverse un pouco a cousa. A finais do verán e comezos de setembro teremos as primeiras probas do campionato de España e dos mundiais. O que si teño pronto son moitas viaxes de descubrir ondas por todo o mundo, que é algo que me encanta e que as marcas apoian bastante. Non podo dicir os sitios, porque son “segredos”.

E como atopas esas grandes ondas, se ningún surfista quere falar delas?

O primeiro é facer unha investigación de campo, buscando toda a información e falando con locais a ver que che poden contar. Non obstante, hai algunha onda que descubrín en lugares remotos nos que non había nin un só surfista. Falo de sitios agochados en Mauritania, Islandia ou nas Illas Galápagos. Son aventuras espectaculares onde chegas a lugares inóspitos.

En canto á competición, fas algún método especial de preparación as semanas previas aos campionatos ou simplemente surfeas como tódolos días?

Antes dos campionatos si que fago adestramentos intensos para poderme preparar para determinado tipo de ola e determinado tipo de campionato. Ademais do físico claro, porque é un deporte que desgasta moito.

Como e cando comezastes no surf?

A verdade é que comecei moi tarde, aos 18 anos, despois de ver a película de animación Locos polo Surf. Dixen se eles poden eu tamén. Entón comprei unha táboa e aprendín eu mesmo, pero non era tan doado como facían os pingüíns da película (risas). De todas formas, sempre digo que non depende dos anos que leves, senón das horas que lle botes.

Comezastes con 18 e con 21 xa eras campión de España en Paddle Surf. Por que decidistes probalo e cales son as maiores diferencias co surf convencional máis alá do remo?

Pois foi casualidade. O probei grazas a Abel Lago e Javi Martínez que tiñan algunhas táboas e engancheime, aínda que o meu deporte favorito sigue sendo o surf convencional. A maior diferenza é o uso do remo para executar as diferentes manobras.

Falemos das redes sociais, que agora mesmo creo que xa é o teu traballo principal…

Si, digamos que as redes danme a verdadeira oportunidade de vivir do surf, porque agora mesmopor gañar un campionato de España che dan un par de palmadiñas no lombo e cincuenta euros. En cambio, nas redes si que atopamos moito interese das marcas que queren visibilidade e eu, pouco a pouco, grazas as miñas aventuras e a miña alegría cheguei cada vez a máis xente.

A case un millón e medio de persoas e con vídeos con máis de quince millóns de reproducións. Foi parte dunha estratexia?

Para nada. Eu creo que é debido a miña forma de ser, da miña forma de contar o feliz que sou, porque desfruto moito do que fago tódolos días.

Un traballo (o de influencer ou streamer) que agora está moi de actualidade. Algúns din que iso non é traballar…

Pois que para ser subcampión do mundo de paddle surf tiven que dedicar menos horas que para chegar ao millón de seguidores en tik tok. Durante os dous últimos anos dediquei unha media de dez horas ao día para crear contido destinado ás redes sociais. Sen vacacións nin descanso. É certo que da os seus beneficios, pero é unha aposta que non sabes se vai saír ben ou mal. Eu pasei varios anos nos que non me daba para vivir, pero agora si. Así que aos que din que non é un traballo, lles diría que proben sorte.

Con todo ese público, es o maior representante da nosa Costa da Morte no mundo dixital. Dirías que este xa é o teu lugar no mundo, pese a nacer en Santiago?

Si, grazas a unha casa que tiñan meus avós aquí, digamos que eu xa son un fillo adoptivo de Louro. É o lugar onde máis tempo paso e onde aprendín a surfear. A verdade é que non creo que poida estar nun sitio mellor.

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Trofeos Bisbarra en xogo 2024/25

Unha tempada máis, Bisbarra en xogo xunto a varios dos nosos patrocinadores, anunciamos os trofeos que entregaremos ao final da presente campaña. EDICIÓN BERGANTIÑOS, ARTEIXO,