Manuel Vecino xa ten o seu campo. Dende o pasado domingo 15 de decembro, o campo de fútbol de Coristanco leva oficialmente o nome de Campo de Fútbol Manuel Vecino, deixando atrás a súa antiga denominación, A Rocheira.
UN RECOÑECEMENTO MÁIS QUE MERECIDO
Por unanimidade do Concello de Coristanco, a decisión de renomear o campo foi recibida con emoción e orgullo por todos os veciños da coñecida “Terra da Pataca”. “Cando todo o mundo está de acordo en algo, pouco máis se pode dicir”, destacouse durante o acto. Este xesto é unha homenaxe ao incansable e exemplar presidente do Coristanco, quen dedicou 44 anos da súa vida ao fútbol local e ao desenvolvemento da mocidade da localidade, deixando unha pegada imborrable na Sociedade Deportiva Coristanco.
Aínda que oficialmente se retirou no verán de 2023, Manuel Vecino, coñecido agarimosamente como “Manolo”, segue vinculado ao club que tanto ama. En colaboración co Concello, a Real Federación Galega de Fútbol e a comunidade futbolística de Coristanco, o acto do 15 de decembro serviu para celebrar a paixón, entrega e compromiso que marcaron toda a súa traxectoria no deporte.
UN ACTO CHEO DE EMOCIÓN
Acompañado pola súa filla e os seus netos, Manolo descubriu emocionado a placa que agora leva o seu nome, lembrando que, hai décadas, o campo foi levantado grazas ao esforzo e á ilusión de medio cento de amigos e veciños. Fiel ao seu carácter próximo e o seu humor característico, Manolo aproveitou para destacar que posúe unha placa da Federación Galega de Fútbol, sinalando con orgullo: “Son o único presidente da Costa que a ten”.
Durante o acto, as mostras de admiración foron constantes. O alcalde de Coristanco, Juan García Pose, destacou o traballo de Manolo na promoción do fútbol base e o seu papel fundamental na creación das escolas deportivas, que hoxe acollen a máis de 120 nenos e nenas de todas as idades. Tamén se puxeron en valor os logros acadados baixo a súa dirección, incluíndo a histórica vitoria dunha Copa da Costa, aínda que o propio Manolo sempre considerou que o seu maior logro foi abrir oportunidades para que a mocidade do municipio puidese desfrutar do fútbol.
Manuel Vecino gañouse o respecto e o cariño de todos, tanto en Coristanco como no resto da Costa da Morte. Esta homenaxe asegura que o seu nome quede gravado para sempre no corazón do deporte local, perpetuando o seu legado como traballador incansable, apaixonado do fútbol e referente dos valores deportivos no Campo de Fútbol Manuel Vecino.
Grazas, Manolo, por todo!