O torneo celebrarase en Pontedeume os días 17, 18 e 19 de xullo e reunirá categorías desde formación ata sénior dentro do Circuíto Galego de 3×3.
Hoops 3×3 volve á carga este verán coa segunda edición do 3×3 Hoops Eume, unha cita que se celebrará os días 17, 18 e 19 de xullo en Pontedeume e que reunirá xogadores e xogadoras de diferentes idades nunha fin de semana chea de baloncesto, música, concursos, sorteos e ambiente deportivo.
Tras a boa acollida da edición do verán pasado, a organización decidiu retomar a iniciativa, aínda que cun cambio importante no formato. Nesta ocasión, e tendo en conta o crecemento do baloncesto 3×3 en Galicia e a gran cantidade de torneos previstos durante os meses de verán, Hoops 3×3 apostará por concentrar todos os seus esforzos nunha única gran fin de semana.
Deste xeito, o torneo abandona o formato de circuíto propio para centrarse nunha única sede, co obxectivo de ofrecer unha experiencia máis completa tanto aos participantes como aos acompañantes. Durante os tres días de competición haberá categorías masculinas e femininas para diferentes idades, desde as etapas de formación ata a categoría sénior.
As inscricións están abertas desde a semana pasada e a resposta inicial está a ser moi positiva. A organización confirma que xa se superaron os 30 equipos inscritos, con lista de agarda aberta nalgunha das categorías, o que demostra o interese que está a xerar esta segunda edición do torneo.
Ademais, o 3×3 Hoops Eume estará integrado dentro do Circuíto Galego de 3×3, polo que os equipos participantes puntuarán para a clasificación xeral. Este incentivo competitivo súmase ao atractivo dun torneo que busca seguir medrando e consolidarse como unha das citas destacadas do verán para os amantes do baloncesto 3×3.
Desde a organización xa se está a traballar tamén na renovación dos colaboradores da pasada edición, así como na incorporación de novos apoios. A intención é destinar esas colaboracións a mellorar a experiencia do torneo e reforzar os premios para os campións e campioas de cada categoría.
Un dos elementos máis lembrados da primeira edición foron as equipacións de xogo de Hoops e as camisetas entregadas aos equipos gañadores. O seu deseño tivo unha gran acollida entre os participantes, ata o punto de que moitos quixeron adquirilas posteriormente. Desde Hoops 3×3 adiantan que este premio se manterá na segunda edición e aseguran que a camiseta deste ano «será incluso mellor ca do ano pasado».
O evento contará tamén con música, cantina, concursos, sorteos e diferentes actividades paralelas, coa intención de converter a fin de semana nunha auténtica festa do baloncesto en Pontedeume.
As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición ata completar as categorías dispoñibles.
Info e foto: Hoops Eume





