Samuel Penín volve á casa para dirixir o sénior feminino en Primeira División

O Club Baloncesto Base Costa Ártabra anuncia a incorporación de Samuel Penín como novo adestrador do equipo sénior feminino, que a vindeira tempada competirá en Primeira División.

Despois de cinco anos afastado dos bancos, Sam regresa ao baloncesto e a un club que coñece perfectamente. O técnico conta con experiencia nas categorías de formación e xa dirixiu o sénior feminino do Costa Ártabra en etapas anteriores, polo que a súa incorporación supón a volta á casa dunha persoa estreitamente vinculada á historia deportiva do club.

«Volver ao baloncesto e, especialmente, ao club é un regreso á casa para min. Nunca estivera tanto tempo afastado das pistas e sentía que me faltaba unha parte de min. Non creo que haxa un lugar mellor para o meu regreso».

Samuel Penín asumirá a dirección dun senior feminino que se atopa inmerso nun proceso de reconstrución. O club traballa na renovación do núcleo do cadro de xogadoras e na incorporación de novos reforzos que permitan ao equipo medrar, competir con maiores garantías e mellorar os resultados das últimas tempadas.

O principal obxectivo será consolidar o equipo nunha esixente Primeira División, afrontando a competición con ambición, traballo e sen renunciar a competir contra ningún rival.

«Este ano intentaremos competir ao máximo posible, asentarnos na categoría e afrontala sen complexos. Veremos ata onde podemos chegar».

O proxecto manterá unha clara aposta polas xogadoras novas e polo talento formado no propio club. Un cadro de xogadoras con ilusión, marxe de crecemento e o compromiso de defender a camisola do Costa Ártabra en cada adestramento e en cada partido.

«Temos un grupo de xogadoras novas, con moitas ganas e ilusión. Xogadoras da casa que defenderán con unllas e dentes o club. Traballaremos con seriedade e esixencia, porque ese é o único camiño para acadar os obxectivos».

O senior feminino afrontará unha tempada esixente, con desprazamentos por diferentes puntos de Galicia e viaxes a cidades como Xixón, Oviedo e Ponferrada, nunha competición que suporá un novo reto deportivo para o equipo.

Desde o Club Baloncesto Base Costa Ártabra queren darlle a benvida a Samuel Penín e desexarlle o maior dos éxitos nesta nova etapa.

Info e foto: BBCA

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas