Iván Rojo: «Agora estamos noutra liga á que nos temos que adaptar rápido, saber sufrir e ser ambiciosos cada semana»

O San Lorenzo afronta unha nova etapa tras proclamarse campión da Liga da Costa a pasada tempada e dar o salto á Primeira Futgal coa continuidade de Iván Rojo no banco. O técnico ten claro o reto: adaptarse canto antes a unha categoría máis esixente, competir en cada partido e lograr a permanencia, destacando tamén a importancia da afección, clave no fortín da pasada campaña, e confía en seguir contando co seu apoio nun curso ilusionante para un club que encara unha nova etapa cunha directiva renovada.

Con que obxectivo afronta o equipo esta tempada e que resultado considerarías un éxito ao final da liga?

O obxectivo do equipo é claramente tratar de competir na categoría e en todos os partidos, tanto na casa como fóra, tal e como fixemos no último tramo o ano do descenso, é tratar de manter a categoría. Conseguilo sería un éxito e todo o que sexa superalo pois benvido sexa.

Cal cres que vai ser a principal dificultade que vai ter o equipo nesta tempada e que aspecto consideras fundamental para competir ao máximo nivel?

A maior dificultade vai ser adaptarse a unha categoría máis esixente e máis regular na que un mínimo erro custa puntos. Cambiar o chip da tempada pasada. Ser campións queda xa na historia do club, pero agora estamos noutra liga á que nos temos que adaptar rápido, saber sufrir e ser ambiciosos cada semana.

Como chega o equipo ao inicio da competición  e que mensaxe lle queres transmitir á afección?

Chegamos con ganas de traballar e mellorar semana a semana, cunha pretemporada esixente e probando moitas cousas. O equipo está en proceso, adaptándose as novas incorporacións aos xogadores que continúan e ao que o corpo técnico lles pedimos.

En canto á afección, este ano encantaríanos que seguisen acompañándonos tal e como o fixeron a pasada tempada, un ano no que fomos moi fortes na casa en parte tamén gracias a eles. Oxalá nos acompañen tamén fóra da casa. Vai ser un ano novo e bonito para o club, cunha directiva renovada que ten moitas ganas de reformar cousas, mellorar e esforzarse porque o club medre en moitos aspectos.

Foto: fotoschimpi

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas