O astro costeiro Iago Lema Lado (Corcubión, 1993) é historia viva do Corcubión.
Formado no club da súa vida, xogador polivalente e sempre comprometido, defendeu o escudo en cada etapa ata converterse no seu capitán, portando o brazalete como símbolo de fidelidade.
Que ten o Corcubión que non se atopa noutros equipos?
Para min, o Corcubión é casa, o equipo do meu pobo, é o equipo de toda a miña vida, é onde sempre xoguei con todos os meus amigos, e iso é precisamente o que creo que non se atopa noutros clubs, creo que independentemente de como fora o ano, sempre había un grupo incrible, e máis que un equipo, eramos amigos, e iso fai que exista un ambiente que non se atopa noutros lugares.
Como ves ao equipo esta tempada?
Hai un grupo moi bo, temos equipo para loitar por estar moito máis arriba. A pesar de haber moita xente nova, son xente moi boa. Creo que individualmente somos un equipo que non debería temerlle a ninguén e capaz de gañarlle a calquera da categoría, e ademais, Ángel como adestrador achéganos moito en todos os aspectos, aínda que nos falla un pouco a intensidade en moitos momentos, a min o primeiro. Pero creo que é algo que estamos a conseguir superar e creo que imos facer unha moi boa segunda volta.
Que momento da túa carreira marcouche máis como xogador?
Non o sabería dicir con exactitude, en Corcubión sempre sentín igual, en casa e apoiado. Pero quizais sería cando era cadete de segundo, levaba pouco xogando en fútbol 11 e empezaba a notar esa ansia de mellorar continuamente, e xogaba cos meus amigos de toda a vida cos que conseguimos gañar esa liga. E logo os últimos ascensos, que xa empezaba a estar o grupo actual e tróuxome de novo as ganas por xogar e gozar máis do fútbol.
Foto: fotofuentes




