Bisbarra en xogo tivo o pracer e a honra de entrevistar aos dous socios fundadores de PicklePoint, os ferroláns Jaime Alcalá e Asís Garrido, para dar voz a un bonito proxecto que chegou a Ferrol para levar o pickleball a todo o público.
Que é o pickleball?
É un deporte de raqueta nacido en EEUU que combina elementos do tenis, o bádminton e o tenis de mesa. Cunha pista máis reducida, e con pelotas e pas lixeiras, é un dos deportes máis alcanzables e inclusivos do mundo. Pódese xogar en modalidade de dobres, individual e mixtos. En definitiva, é un deporte que se pode practicar con case calquera condición física, calquera idade e con ou sen experiencia noutros deportes de raqueta. É como xogar ás pas na praia, pero con bote e puntuación.
Como xurdiu PicklePoint?
PicklePoint é o proxecto de dous entusiastas do deporte que decidimos que a nosa comarca se converta no punto de encontro do pickleball en Galicia e no resto de España. Coñecemos este deporte a través de internet e fixémonos unha pista “caseira” para practicalo. Despois de saír a competir e sacarnos o curso de monitores de pickleball en Madrid, decidimos abrir unha instalación que estivese á altura do potencial que este deporte ofrece. Fixemos un gran investimento e situámosnos no maior polígono comercial da comarca. Na Gándara dispoñemos dunha instalación única no noso país, na que os ferroláns, naroneses e demais veciños, poidan vivir a experiencia de xogar ao pickleball como o fan os profesionais en EEUU.
Que significa para vós ser o primeiro centro galego dedicado unicamente ao pickleball?
Ser pioneiros sempre supón un reto difícil xa que as referencias son escasas e o risco na implementación é elevado. Pero tamén é unha vantaxe e algo moi reconfortante, xa que estás a contribuír dunha forma significativa no crecemento e desenvolvemento do que para nós é un dos deportes chamados a alcanzar maiores niveis de popularidade en España.
Que acollida tivestes por parte do público?
Incrible. Sabiamos que Ferrol e a súa comarca é un lugar singular en canto a deportes de raqueta. Moita xente practica pádel, tenis e tenis de mesa. E faio ademais a un moi bo nivel. Pero o certo é que nestes tres primeiros meses de funcionamento puidemos comprobar que o pickleball é un deporte nado para divertir. E recibimos avós con netos, nais e fillas, compañeiros de traballo e amigos que se xuntan nunha pista de pickleball e gozan como facía tempo que non o facían.
Que consello darías a todos aqueles que descoñecen ou teñen dúbidas de probar este deporte?
Se chegan a este punto da entrevista, creo que xa poden entender as virtudes que este deporte ten e todo o que lles pode achegar. Pero pola nosa banda engadir que en PicklePoint éntrase cun calzado deportivo, sen coñecemento e sen ningún outro material e sáese sabendo xogar a un novo deporte que a moitos pode cambiarlles a súa vida. É un deporte cunha curva de aprendizaxe moi pequena, ten un baixo nivel de frustración e é moi pouco lesivo.
Ninguén debía de ter dúbidas en probalo. Para iso, ademais, realizamos uns “bautismos de pickleball” polos que por 5€ por persoa ensinámoslles a xogalo. Sen necesidade de ser un grupo grande, desde unha persoa, o día e hora que lle veña ben.
Espéranse novidades no futuro de PicklePoint?
O pickleball en EEUU crece como ningún outro deporte está a facelo. Aquí en España o crecemento é exponencial, amparado neste momento pola RFET. As novidades son diarias e ao futuro espéraselle cheo de evolucións en todos os ámbitos do deporte. Este 2025 está a pecharse un circuíto como o WPT de pádel en España e todas as Federacións de Tenis territoriais están a facer grandes esforzos para a implementación do pickleball na formación dos clubs de todo o país.
Desde PicklePoint imos tratar de achegar o noso granito de area para que o pickleball creza na nosa Comunidade cos valores e calidade que merece. O noso proxecto é moi ambicioso e a intención é abrir o maior número de pistas de pickleball indoor posibles segundo vaia aumentando a demanda.