Naroa Parga: “Gañar a final da Copa Coruña en Riazor foi unha das mellores cousas que me pasaron nesa tempada”

A atacante do Corme CF, Naroa Parga (Malpica, 2003), militou no UD Cerqueda e no Victoria CF “B”, entrando en dinámica co primeiro equipo, regresando ao conxunto cormelán co que está a realizar unha gran campaña sendo a máxima artilleira do grupo 2 da Terceira Galega con 33 tantos.

Como descubriches a túa paixón polo fútbol?
Pois sempre me gustou moito o deporte, pero ao que máis se xogaba na rúa era ao fútbol, e foi aí onde descubrín que me gustaba.

Quen foi o teu referente futbolístico e por que?
Referente como tal nunca tiven, pero se teño que escoller un xogador, iría ao fácil e escollería a Messi, que de pequena era o que máis me gustaba.

Que pensas cada vez que marcas un gol?
Para ser sincera, non penso en nada, eu son unha persoa á que non lle gusta ser o centro de atención e a verdade é que neses momentos paso algo de vergoña.

Cal consideras que foi o mellor tanto da túa carreira?
O tanto co que me quedaría na miña curta carreira é o que marquei na final da Copa Deputación contra o Boiro, xa que non só foi un gol bonito, senón que tamén fixo que nos distanciásemos un pouco no marcador para poder xogar máis tranquilas.

Que diferenza hai entre este Corme e o de hai dúas tempadas?
Creo que pode haber todas as diferencias posibles en canto ao xogo de balón, sempre foi un equipo moi competitivo, pero o crecemento que tiveron nese período de tempo as xogadoras de iniciación foi brutal.

Como foi a túa experiencia na Nacional e con que momento quedas?
Para min foi un orgullo poder vivir iso, xa que coa miña idade e co pouco tempo que levaba xogando ao fútbol era case impensable que me chamara un equipo así e con esas condicións. Quédome co acollemento que tiven e coas compañeiras, pero tamén quero destacar que aínda que non fora co equipo de nacional, poder gañar a final da Copa Coruña en Riazor foi unha das mellores cousas que me pasaron nesa tempada.

Entra nos teus plans volver nun futuro á Nacional?
A verdade é que é algo que me gustaría volver vivir, xa que eu este ano tiven que deixalo por diferentes motivos que me impedían competir a ese nivel.

Como é Naroa fóra do fútbol?
Considero que ao contrario que no campo, fóra del son unha persoa moi tranquila e que lle gusta desfrutar dos momentos de calma que podo chegar a ter, isto non quere dicir que non me gusten os plans “activos”, sempre hai momento para todo.

TEST PERSOAL

Comida: Pasta.
Bebida: Nestea.
Cor: Azul.
Película: “El secreto de Marrowbone”.
Libro: Ningún, non me gusta ler.
Afección: Calquera outro deporte ou ver series.

SOBRE COMPAÑEIRAS

A máis veloz: Sen contarme a min, diría que Zeltia.
A máis bromista: Aroa.
A DJ do vestiario: Aroa.
A máis responsable: Olalla.
A máis competitiva: Penso que todas somos bastante competitivas.
A máis faladora: Saskia.

Foto: Neypa Fotografía

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras