Unai Larrañaga: “Luis foi un dos culpables de que me enganchase a este deporte”

Falamos cun referente costeiro como o líbero do Guaguas, Unai Larrañaga (Dumbría, 2000), que conta cunha traxectoria no Colexio Manuela Rial Mouzo, Dumbría, Emevé, Textil Santanderina ou Melilla.

Como está a ser a túa vida en Gran Canaria?
A verdade que non é nada difícil adaptarse á vida de aquí. O clima é espectacular e permíteche ter unha calidade de vida alta acompañada do ambiente da illa. Sempre que me preguntan digo que vivir aquí é como ter permanentemente a sensación de cando te vas de vacacións.

Que che está parecendo esta segunda tempada no CV Guaguas?
A verdade que as dúas tempadas que levo aquí foron as máis esixentes da miña carreira dada a reputación que ten o club e os obxectivos que se pon, que non son outros que de gañalo todo. A día de hoxe xa conseguimos os dous títulos que se xogaron, que son a Copa do Rei e a Supercopa, faltando a liga para volver conseguir o triplete.

O voleibol sempre formou parte da vida dos Larrañaga. Como naceu ese amor por este deporte?
Débese principalmente a que o meu pai era adestrador deste deporte e xa indirectamente cando es pequeno vas relacionando con este deporte e con ese ambiente. Que no colexio fose o deporte extraescolar que máis predominaba pois axudaba moito a ter esas facilidades para practicalo.

Ao longo da túa traxectoria tiveches moitos adestradores, hai algún que che marcara especialmente?
Eu creo que o que máis me puido marcar foi Luis, que o tiven ao comezo da miña carreira e tamén en parte foi un dos culpables de que me enganchase a este deporte, non só porque a esas idades eras máis “influenciable”, senón tamén porque foi ao que máis anos tiven adestrándome.

En Dumbría es un referente e un espello para a mocidade, que consello darías aos que queiran seguir os teus pasos?
Eu penso que o máis importante é a práctica dalgún deporte, se é o voleibol pois xenial, pero se non, non pasa nada, o máis importante é practicar algún. O segundo que lles podería dicir é que simplemente busquen divertirse e pasalo ben cos seus compañeiros. Despois, o resto se che toca, irá chegando, e hai que tomalo como un premio o que vaian chegando cousas, porque o máis normal é que non pase, entón tampouco hai que frustrarse con iso e as cousas que cheguen pois darlle importancia e gozalas.

Que hábitos segues para manterche sempre en forma?
Eu creo que cando es deportista profesional, cando van pasando os anos, tes unha rutina de vida que xa che leva a que eses hábitos estean presentes todos os días do ano. O feito de adestrar todos os días pois xa é o teu traballo, o cal non é que dependa fundamentalmente de ti, porque é o que tes que facer, pero si darlle moito valor tanto á alimentación como ao descanso. Obviamente, adestrar é moi importante, pero non hai que deixar de darlle todo o valor que ten ás outras dúas cousas, porque me atrevería a dicir que son máis importantes que o propio adestramento.

TEST PERSOAL
Comida: Chuletón.
Bebida: Nestea.
Color: Verde.
Película: Avatar.
Libro: Padre rico, padre pobre.
Afección: Tomar o sol.

TEST COMPAÑEIROS
O máis competitivo: Martín Ramos.
O máis bromista: Jorge Almansa.
O DJ do vestiario: Eu.
O que mellor baila: Leonardo.
O que mellor viste: Ángel Trinidad.
O máis falador: Io de Amo.

Foto: CV Guaguas

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras