JOSÉ: Toda unha vida de Unión

Non precisa apelidos nin alcume, abonda poñer o seu nome engadido ao do club, para saber que se trata dese home que leva toda unha vida formando parte do fútbol costeiro. É mais, son os seus fillos os que levan de apelido o nome do seu proxenitor, como Mario de José, un dos capitáns do Villa de Cee.

A vinculación de José coa Unión Club Cee comezou a principios da década dos oitenta, nunha España que estaba a dar os primeiros pasos de democracia ao ritmo de Salta!, de Tequila, o maior éxito de aquel 1981 no que un mozo de 26 anos chegado de Francia, decidiu ofrecerse para axudar en todo o posible ao equipo da súa vila. “Eu viña de xogar a hockey sobre xeo e aquí so había fútbol, entón como eu non xogaba púxenme a botar unha man co que fixese falta, cobrando entradas, vendendo rifas, de todo”, recorda un José que chegou ao club baixo o mandato dos irmáns Carballino e cando aínda estaba de utillero o recordado Jaime.

Pronto o relevo lle chegou a José, que leva agora nesas labores corenta anos e que promete seguir estando ao pé do canón ata que poda. E iso que vén de pasar este ano por quirófano, pero non hai problema de saúde que non mellore cada vez que pisa o San Paio de Refoxos. “Ver tantos rapaces e rapazas crecer, que hoxe algúns xa son pais, e que me sigan tendo tanto cariño e amizade. Iso non hai cartos que o paguen”, valora.

Un aprecio que é irresistible debido a súa continua dispoñibilidade e bondade para calquera necesidade que apareza no estadio. José é un deses personaxes sen os que o fútbol da Costa non sería o que é. “O seu nome vai ligado ao do club por levar toda unha vida coidando de cada xeración que pasa”, recalca o capitán, Aitor García, sobre un “home para todo, responsable dunha labor impagable”, como o denomina Rubén Martínez, o coordinador do club.

Non obstante, despois de tantos anos os contextos e as preocupacións van cambiando. Algunhas para mellor, como as infraestruturas ou a educación nos campos do fútbol, pero outras para peor. “O maior cambio que vexo é nos rapaces, que cada vez teñen menos interese por xogar, case que os tes que obrigar. Antes como che chamasen do primeiro equipo non durmías en tres días, e agora hai veces que nin queren ir”, lamenta un José que viu verdadeiros equipazos, primeiro no Raíces, e agora no San Paio de Refoxos, pero que non ten dúbida se lle preguntan con que época se queda:
“A época na que estaba Moncho de Victoria de presidente, con Miculita e Manín de xogadores e disputando a preferente. Aquelo era unha marabilla”. De aí, que ao ser preguntado por un presidente e un once preferido non teña dúbidas en viaxar a aqueles anos. Tampouco dubida, nin un segundo, cando se lle pregunta por un adestrador: “Manolín”, responde ao momento unha das persoas que máis tempo pasou ao lado do míster máis laureado do fútbol da costa.

O MELLOR 11 DA HISTORIA PARA JOSÉ

Porteiro: José Carlos
Defensas: Juanma, Camacho, Palancas e Lozano.
Medios: Ramos, Pepe Cespón, Calabanda e Miculita
Dianteiros: Carlos Cespón e Manín.

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Berto, o “camero” do Somozas

Se xuntamos defensa e gol, lembramos ao camero Sergio Ramos, pero se engadimos Somozas, temos a Alberto Rodríguez Fernández, “Berto” (Ferrol, 2000), que se destapou