XABIER MACEIRAS: 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha

Despois de nove anos de duro traballo, Xabier Maceiras (Arteixo, 1970) presentou a súa nova obra o pasado 22 de xullo no campo da Porta Santa, en Paiosaco. “100 anos de fútbol en Arteixo e Laracha” é unha enciclopedia sobre a historia do deporte rei na contorna, con historias e curiosidades de todo tipo.

Como e cando aparece a idea e o desexo de facer este libro?
A idea xa revoaba no meu maxín dende que, de neno, escoitaba as historias que contaba meu avó Milio sobre Arsenio Iglesias ou sobre o seu sobriño Pedro, que xogara na Arxentina. A traxectoria de meu tío Jesús, porteiro do Penouqueira e do Catuxa nos anos 60, tamén tivo algo que ver. E o desexo de converter o libro nunha realidade, pois tivo o mesmo percorrido que os traballos que realizo tanto na escrita coma no audiovisual, que non é outro que o de explotar ao máximo a transmisión oral dos coñecementos que atesouran moitas das nosas persoas maiores pois, se non se recollen a tempo, acaban por perderse por razóns biolóxicas.

Tiña claro xa dende o comezo que Moncho Viña ía ser o encargado do prólogo e unha axuda continua?
Si, dende o minuto 1. Eu son dos que medrou escoitando as informacións do mundo do deporte con este auténtico referente da comunicación que é Moncho Viña e, por iso, o prólogo foi un soño cumprido. Moncho é un verdadeiro mestre e un exemplo a seguir, que para min representa un espello no que mirarse.

Cóntanos un pouco, que se atopará o lector de 100 anos de fútbol en Arteixo e Laracha?
Pois basicamente o que o título indica, pero non só dos municipios de Arteixo e A Laracha, se non que tamén aparecen moitos datos da crónica futboleira de Carballo, Ponteceso, A Coruña… Ademais, o lector vaise atopar cun libro de antropoloxía, cultural e física, de emigración e de viaxes que comeza polas orixes do fútbol en Galicia para centrarse despois na destes concellos, coa importancia que tivo o Balneario de Arteixo na propagación deste deporte, grazas ás concentracións nel do Deportivo, o Real Madrid ou a selección española. A relación do fútbol uruguaio con Arteixo e A Laracha dá para varios capítulos ao longo da obra. Outros dos capítulos son os dedicados aos inicios do fútbol feminino na nosa bisbarra; a presenza da selección holandesa en Meicende; a celebración en Arteixo e en Carballo de partidos do “Mundialito da Emigración” (1982), ou á Liga de Arteixo.

Como foi a labor de documentación? Porque é un tema do que non é doado atopar información de fai 50 anos ou máis. Cal foi a historia que máis rebuscou?
Foi un arduo traballo de investigación. De feito, en máis dunha ocasión, tiven que aparcalo e darlle longas tempadas de descanso porque era un verdadeiro queime, de aí que o libro tardara case 9 anos en ver a luz. Hoxe, dende o teu domicilio, tes a posibilidade de consultar a hemeroteca dixital de varios xornais, pero cando empecei coas primeiras investigacións non había esa. ¿A historia que máis rebusquei? Pois probablemente o Torneo de Preparación, que foi unha especie de Liga de Peñas que se disputou antes da primeira edición do campionato federado. Custoume unha barbaridade atopar as crónicas dese Torneo, pero finalmente din con el no Semanario Deportivo Riazor, unha xoia que se publicou semanalmente dende 1954 ata 1971 e que agardo que se dixitalice nalgún momento!

Fixo algún descubrimento que lle sorprendese de verdade, ou xa tiña todo máis ou menos manexado?
Si, principalmente relacionados coa emigración, como foi o caso de Óscar Míguez, fillo de emigrantes de Meicende que foi campión do mundo con Uruguai en 1950 ou os casos de José Añón e Washington Cataldi que foron respectivamente presidentes do Nacional de Montevideo e do Peñarol. Añón era emigrante da Laracha e Cataldi casara en Montevideo con Susana Bastida, filla dunha emigrante de Freán, lugar a onde viñan pasar o verán, de aí que o Peñarol disputara varios trofeos Teresa Herrera e que tamén xogara o lendario partido amigable contra o Peñarol de Lañas.

Por exemplo, sen que sirva de spoiler, resúmanos un pouco a historia dese equipo feminino do Villarodís, de Arteixo que xogou a finais dos anos 60. ¿Agora que o fútbol feminino está en pleno crecemento podese dicir que aquel foi o xerme en Bergantiños e na Costa da Morte?
Non creo que foran o xerme. Pero é certo que nos primeiros 60, as mulleres de Elviña empezaron a xogar os solteiras-casadas. Aqueles solteiras-casadas darían paso aos primeiros partidos femininos “internacionais” da bisbarra, o primeiro deles disputado no Entroido de 1969 diante dunha enorme multitude entre o Elviña e o Vilarrodís que capitaneaba Finita López, máis coñecida polo alcume da “Loura de Vilarrodís”. O Vilarrodís xogou varios partidos máis ata 1971 ou 1972 e a partir de aí empezáronse a disputar solteiras-casadas por moitas das nosas parroquias.

Cabe a posibilidade de que chegue unha segunda parte extendendo o territorio a toda a comarca de Bergantiños por exemplo? Historias seguro que hai…
Haberá unha segunda parte, pero só continuaremos en Arteixo e A Laracha para profundizar un chisco na historia de cada un dos 17 equipos federados que houbo nestos dous concellos. A comarca de Bergantiños xa aparece documentada en “50 anos da historia do fútbol da Costa”, da autoría de Xosé M.ª Rei Lema e de Xosé M.ª Lema e en “Mar de Paixón”, o libro de Héctor Póse e Luís Porto.

E xa por último, cóntanos onde se pode adquirir ese libro…
Pódese adquirir no Café-Teatro Melandrainas de Arteixo e en todas as librarías do concello; na Lecer e na Pondal da Laracha; na Perruquería-Cultural Masús da Laracha; na Brañas e na Clarión de Carballo; na Xiada e na Sisargas de Coruña; e na Biblos de Betanzos. Tamén se pode adquirir dende calquera punto enviando correo a luscandil@gmail.com ou chamando ao 660119233.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas