Juan Riveiro: “A clave do derbi estivo en que nos conseguimos adaptar mellor ao terreo de xogo que o rival”

O derbi matinal na xornada do domingo entre Atlético Arteixo e UD Paiosaco tivo como gran protagonista á choiva.

Vitoria local nun encontro con moitos goles, os tantos de Edu, Pablo Agulló, Manu Rivas, Iago Blanco e Cañizares outorgáronlle os tres puntos ao conxunto local. Falamos co seu técnico, Juan Riveiro para coñecer as súas impresións.

 Como valoras o derbi ante a UD Paiosaco?

“Foi un partido moi complicado, mediatizado polo estado do campo, penso que soubemos adaptarnos mellor ou cando menos tíñamos as ideas mais claras sobre o que se podía e non se podía facer nun campo con tanta auga que provocaba moitos erros a hora de xogar o balón. Sorprendemos ao Paiosaco, xa que non agardaban que xogásemos tan en longo, xa que era imposible conducir.  Eles tiveron o vento a favor na primeira metade, atacaron por fora pero apenas crearon perigo, nuns primeiros 45 minutos nos que mais alá do noso gol pouco mais pasou no partido. Na segunda metade despois dunha ocasión do rival solventada por Ramón, o partido púxosenos de cara co golazo de falta de Pablo Agulló. Despois de ese 2-0 o partido durmiuse un pouco, ata que eles fan os cambios de xogadores e de sistema, mellorando moito e conseguindo empatar con dous goles en estratexia. Por sorte, un minuto despois conseguimos o 3-2 cun bo gol de Manu de cabeza nun córner, o que foi clave no devir do encontro, xa que nos últimos minutos eles envorcáronse, aínda que sen crear excesivo perigo e nos pola contra aproveitamos os espazos para sentenciar o partido cos goles de Iago e Cañi, ademais algunha ocasión clara que tivemos. En definitiva, foi un partido moi complicado para todos pola situación do terreo de xogo, que a pesar da choiva caída aguantou moi ben, non se converteu nun bulleiral, pero a gran cantidade de auga que tiña dificultou moito o xogo de ambos equipos.”

Como chega o Atlético Arteixo aos dous partidos antes do parón da Selección?

“O equipo creo que chega ben a pesar de que no derbi tiveron que xogar Óscar e Agulló no centro da defensa, unha zona onde tíñamos lesións e sancións. Esta semana debutaron dous xuvenís, algo que e moi positivo, somos 18 xogadores os que estamos e con eles e coa axuda dos canteiráns temos que sacar a tempada adiante. O fútbol son dinámicas, estamos a encaixar mais goles que nas xornadas anteriores, pero a diferencia é que a frecha esta cara arriba para os homes de ataque neste momento, algo que no meu equipo e algo vital porque somos un conxunto que sempre desfrutamos de moitas ocasións de gol en todos os partidos. Neste momento estamos mirando mais cara arriba que cara abaixo, pero isto non significa nada porque nesta categoría calquera equipo pode pintarlle a cara a outro. Nas dúas próximas semanas visitaremos ao Viveiro, un rival duro nun campo de Cantarrana que se segue a chover será ao igual que o ano pasado unha loita por manterse en pé. Na seguinte xornada recibiremos en Ponte dos Brozos a un Rápido de Bouzas que ultimamente parece que recuperou as boas sensacións de cara a meterse no Play Off de Ascenso, obxectivo claro que tiñan marcado dende principio de tempada. Chegamos nun bo momento, deixando de mirar cara abaixo e intentando que nos deixen mirar un pouco mais cara arriba, pero aquí rapidamente calquera equipo supérache, nestes momentos todos os equipos están apertando, como por exemplo o Betanzos, o Estradense ou o Silva facendo desta Terceira División unha categoría moi complicada e tremendamente competitiva.”

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas