Os ferroláns, tras un gran primeiro tempo, terminaron cedendo na segunda parte ante a gran efectividade do líder UMA Antequera na 22ª xornada da Segunda División Fútbol Sala co resultado de 1-5.
O Parrulo, co encontro pendente ante o Levante tras ser aprazado, recibía ao líder da Segunda División Fútbol sala, UMA Antequera, para disputar a 22ª xornada da Segunda División Fútbol sala e no que sería o segundo encontro de Nacho García como primeiro adestrador. Os ferroláns buscaban unha vitoria que volvese engancharlles na loita por entrar en postos de playoff, tendo en fronte unha auténtica proba de lume como é o conxunto andaluz. Nacho formou o seu quinteto con Regueira, Hélder, Domingos, Rubén Orzáez e Keita, mentres que Tete saíu de inicio con Mario Almagro, Miguel, Alvarito, Davilillo e Leandrinho.
Os primeiros minutos do encontro foron de tenteo entre os dous conxuntos, sen inquietar as porterías salvo con disparos afastados que non ían entre os tres paus. Pero unha vez superado este pequeno intervalo, sería O Parrulo o que mandase o primeiro dentro tras un jugadón de Rubén Orzáez marchándose da súa marca sobre a liña de fondo e deixando un pase atrás para que Álex Moñino anotase o primeiro da tarde.
O Parrulo dispuxo de varias oportunidades con disparos desde a frontal de Aitor e Keita, pero Mario lograba rexeitar ambos os canonazos. Por parte do Antequera, Miguel tivo unha boa nun disparo tras regatear a dous xogadores e plantarse ante Regueira, pero o seu tiro marchábase rozando o pau. De novo, o propio Miguel tivo o empate nas súas botas nun lanzamento de falta, pero o seu disparo estrelouse no traveseiro da portería ferrolá.
O Parrulo respondeu cunha xogada de Hélder, que rouba no centro da pista, regatea a súa marca e o seu disparo repéleo Mario cun paradón. O gardameta volvería ser protagonista cunha boa parada tras enganchar Aitor unha volea nun saque de esquina. No último minuto da primeira metade Tete saíu con Alvarito como porteiro – xogador en busca do empate, pero os ferroláns aguantaron ben a presión e marcháronse a vestiarios coa vitoria pola mínima.
A segunda parte arrincou cunha clara para o Antequera cunha xogada individual de Leandrinho que finaliza con disparo raso que rexeita co pé Regueira. Nunha nova chegada dos andaluces, o colexiado sinalaría penalti tras unha man. Coro sairía no lanzamento para tratar de detelo, pero Leandrinho non fallaría e poñería as táboas no marcador.
Despois do tanto do empate, Davilillo estivo a piques de poñer por diante aos visitantes cun tiro afastado, pero estampouse no traveseiro. Estaban a ser bos minutos do Antequera, presionando moi arriba e impedindo sacar limpo o balón aos ferroláns. De novo perdoaron os visitantes nunha xogada de Burrito, que se revolveu ben na área, quedándose man a man con Regueira, ao que tentou cruzar o balón, pero o gardameta salvou ben cunha boa estirada co pé.
O Antequera daríalle a volta ao marcador cando un disparo cruzado por raso cóase polo pau afastado de Regueira. O gol segundo tanto activou aos ferroláns, que subián a presión e empezaron a chegar a portería rival, tentando sen éxito Novoa o empate cun disparo desde fóra da área, pero Mario repelía co pé. Domingos emularía ao seu compañeiro cun bo crebo ao seu marcador e un disparo seco, pero de novo Mario lograba rexeitar. Cobarro contestaría cunha ocasión dentro da área, pero o seu disparo despéxao Regueira. Estaban a ser os dous gardametas os protagonistas do encontro.
O Antequera daría un mazazo cando nunha saída de Regueira, Davilillo córtalle o pase e queda a portería baleira, anotando o terceiro para os seus. Os ferroláns non baixaban os brazos e trataban de conseguir un tanto que os volvese a meter no encontro. Aitor tería unha boa oportunidade cun dobre penalti, pero unha vez máis, atoparíase cun Mario que estaba a ser un muro baixo os paus e rexeitaba cunha man férrea. O Parrulo saíu con Keita como porteiro-xogador, pero unha nova perda dos ferroláns provocou a sentenza do Antequera co cuarto tanto tras disparo a porta baleira de Quique a falta de catro minutos para o final. Os andaluces volverían roubar o balón e sumarían un tanto máis, nesta ocasión por obra de Burrito.
Co resultado de 1-5 o encontro chegaría ao seu fin tras unha gran primeira parte dos ferroláns que se viu eclipsada por un segundo tempo no que os malagueños impuxeron a súa condición de líder e acabaron levándose a vitoria demostrando unha gran efectividade.
O PARRULO: Regueira, Hélder, Domingos, Rubén Orzáez e Keita; tamén xogaron Negro, Novoa, Francini, Aitor, Álex Moñino, Coro e Turbi.
UMA ANTEQUERA: Mario Almagro, Miguel, Alvarito, Davilillo e Leandrinho; tamén xogaron Burrito, Alan de Candía, Quique, Cobarro, Óscar, Kiko, Nando e Raszkowski.
GOLES: 1-0 Álex Moñino (4′), 1-1 Leandrinho (22′ de penalti), 1-2 Miguel (26′), 1-3 Davilillo (31′), 1-4 Quique (36′) e 1-5 Burrito (37′).
ÁRBITROS: Kepa Díez España (árbitro 1), Xabier Huarte Berra (árbitro 2), Manuel Castro Fernández (árbitro 3) e Clara Díez Gil (cronometradora). Amoestaron aos visitantes Cobarro e Leandrinho.
INCIDENCIAS: Partido da 22ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.