Foi unha fin de semana de Judo na cidade Lugo, xa que deu comezo o sábado co I Stage San Froilán coa presenza de 370 persoas e que foi impartido polo tres veces olímpico Óscar Peñas.
No stage organizado polo Judo Lugo reuníronse a selección galega de Judo, clubs de toda Galicia, Asturias e Madrid para realizar dous adestramentos, mañá e tarde. Ademais, contouse coa presenza do tamén olímpico Roberto Naveira, o asturiano medalla europea Óscar Fernández, a medallista internacional e española alacantina Isabel Puche e o medallista nacional David Fernández.
Ao comezo do adestramento da mañá fíxose entrega dun detalle á galega e recentemente coroada campioa de Europa de Judo, Laura Vázquez, por parte da judoca lucense Sara Álvarez e o presidente da Federación Galega de Judo Don Mario Muzas Cobo.
Facía moitos anos que non se realizaba unha actividade de Judo en Lugo con tal cantidade de asistentes, e para poder albergar a tantos deportistas instaláronse case 700 metros cadrados de Tatami no Pavillón do Seminario de Lugo – Colexio diocesano San Lorenzo.
A acollida deste I stage San Froilán foi todo un éxito de asistencia e de organización, levada a cabo polo Judo Lugo.
O domingo levou a cabo o 47º Torneo San Froilán de Judo na modalidade por equipos mixtos nas categorías cadete e infantil, coa presenza dos equipos, Judo Club Cambre/AD Judo Ferrolterra (equipo conxunto), Bitácora de Ferrol, Judo Club Coruña, Judo Club Senra, Judo Club Arteixo, Judo Club Compostela e Judo Lugo.
Na categoría infantil os resultados foron:
1º Judo Club Coruña
2º Judo Cambre/A.D. Judo Ferrolterra
3º Judo Lugo
3º Compostela Judo Club.
Na categoria cadete:
1º Judo Lugo
2º Judo Club Coruña
3º Judo Cambre/ A.D. Judo Ferrolterra
3º Compostela Judo Club
Os encontros foron moi disputados e con combates moi rifados xa que varios equipos contaban coa presenza de varios medallistas nacionais das categorías en distintos pesos, o que fixo a competición moi emocionante.
Esta competición é moi boa como preparación para a nova tempada que dá comezo en breve coa disputa da primeira Copa de España o 1 de outubro en Valencia.
O club desprazou como árbitro a Armando Castro e como adestrador a Alberto Castro.
O Judo Lugo está moi agradecido do recibimento e da acollida que tivo a cidade de Lugo co stage e a competición do San Froilán de Judo que xa vai pola súa 47ª edición.
Info e imaxes: AD Judo Ferrolterra