O pasado 23 de abril do presente ano 2023 o estadio San Paio de Refoxos foi testemuña dunha despedida moi especial, un dos futbolistas ilustres da Costa, Leoncio Picallo Pereira, “Leo” (Corcubión, 1976).
Unha decisión rápida e sen pensar moito que Leo tomou de colgar as botas e fíxoo con motivo do choque UC Cee-UD Cerqueda. Atrás quedan 27 tempadas, máis de 500 goles e o seu paso polas formacións UD Corcubión, UC Cee, Soneira SD, Camariñas CF, Dumbría CF, CF Noia e Xallas Cf. O adeus díxoo co UC Cee, formación que foi a máis especial e na que leva oito tempadas de forma ininterrompida, pero no que estivo en tres etapas diferentes. Vivencias, recordos, momentos bonitos, moitos partidos, e unha infinidade de horas de adestramento quedan atrás. Aínda que a súa vinculación co fútbol seguirá, ao ser adestrador das categorías inferiores do UC Cee e é un dos seleccionadores da Costa.
O xogador foi moi claro na súa despedida: “Gañar ligas, poder xogar finais de Copa da Costa, poder levantar ese precioso trofeo, xogar á beira de tantos grandes futbolistas, estar dirixido polo mellor do mellor nos bancos, ser elixido xogador do ano en todo o fútbol da Costa ou Pichichi. Poder marcar goles en moitos campos da provincia da Coruña e Lugo. Xogar e marcar en San Lázaro fronte ao Compostela. Nin nos meus mellores soños pensei en poder chegar a algo así. Hoxe colgo as botas con 46 anos e 10 meses, en Cee, a miña casa” e concluíu: “Grazas a todos os adestradores que me aguantaron por deixarme gozar da miña gran paixón. Directivos, afeccionados … de todo corazón moitísimas grazas”.
De Leo Picallo como deportista pode falar dun comportamento sobre o terreo de xogo exquisito. Sempre foi un futbolista nobre. Sempre o deu todo no club que lle tocou defender e, por esa forma de ser, sempre se gañou o agarimo dos rivais, das afeccións e, loxicamente, dos seus compañeiros. Leo sempre imprimiu o seu sinal nos clubs aos que foi e que defendeu coma se fose o seu propio.
Como persoa, Leo sempre demostrou ese don de xentes e o seu sorriso sempre a flor de pel. Así soubo granxearse o aprecio e o respecto das distintas afeccións.