A portería do Xallas ten un ferrollo coa presenza de Rosio Pérez Gómez (Jagüey Grande – Cuba, 2006), un auténtico muro baixo paus que cumpre a súa quinta tempada defendendo a retagarda das xalleiras e que vén de proclamarse campioa de España no verán co combinado galego sub-20 de fútbol praia tras unha auténtica exhibición na quenda de penaltis.
Cuba sempre foi garantía de grandes porteiras, cun claro exemplo como Alianne Matamoros, cancerbeira que se proclamou campioa da liga guatemalteca sendo a xogadora máis valiosa da final e a menos batida do campionato ligueiro. Pois Rosio non queda atrás, sendo unha gardameta de reflexos felinos, con bo xogo de pés, das que dan puntos ao equipo con paradas asombrosas e que ten moi bo ollo para atallar os disparos desde o punto de penalti e que se fai grande nos man a man.
Que diferenza ao Xallas con respecto a outros equipos da categoría?
A verdade, si que se nota algo a diferenza cos equipos que estiveron nesa categoría bastante tempo, pero o que eu máis diferencio é o físico deses equipos ao noso, polo demais sento que estamos case todos ao mesmo nivel.
Que é o máis difícil de ser porteira nesta categoría?
Eu creo que o máis difícil ao subir de categoría, sendo porteira, é ter en claro que poida que te metan máis goles. E que teño que ser consciente diso e tentar mellorar máis para poder sentirme ben baixo paus.
Cal dirías que foi a túa parada máis importante na túa traxectoria?
A verdade, agora mesmo non podería dicir que teño unha “favorita”, porque non che sabería dicir, hai algunhas moi boas e outras que son “normais” (risas), pero creo que cada parada, sexa boísima ou normal, é importante por como vaia o partido.
Foto: fotoschimpi




