Maggie Doogan, talento e liderado para o novo Baxi Ferrol

A interior estadounidense chega a Ferrol despois de bater récords históricos nos Richmond Spiders e consolidarse como unha das grandes referentes da Conferencia Atlantic 10.

O Baxi Ferrol continúa dando forma a un proxecto ilusionante para a vindeira tempada coa incorporación da interior estadounidense Maggie Doogan, unha das xogadoras máis dominantes do baloncesto universitario norteamericano nos últimos anos. Natural de Pensilvania, chega procedente das Richmond Spiders, equipo da Conferencia Atlantic 10, onde asinou unha campaña espectacular con medias de 21,1 puntos, 7,9 rebotes e 3,9 asistencias.

Doogan destaca pola súa enorme competitividade, liderado e capacidade para asumir responsabilidades nos momentos importantes. Trátase dunha xogadora moi técnica, con recursos tanto no poste baixo como no lanzamento exterior, capaz de abrir o campo e ao mesmo tempo impoñerse no rebote grazas á súa fortaleza física e lectura do xogo.

A súa traxectoria universitaria deixa números históricos. A nova xogadora do conxunto ferrolán converteuse na segunda máxima anotadora da historia das Richmond Spiders, acumulando un total de 2.138 puntos ao longo da súa carreira. Ademais, deixou unha actuación para a hemeroteca esta mesma campaña ao anotar 48 puntos diante de Davidson, establecendo o récord histórico de puntuación nun partido da universidade e superando a marca que Karen Elsner mantiña desde 1983, cando lograra 39 puntos ante Radford. A estadounidense tamén brillou desde o perímetro, ata o punto de converterse na segunda xogadora con máis triplos anotados nunha mesma tempada na historia do programa, con 91 lanzamentos convertidos.

O seu impacto na Atlantic 10 foi total. Maggie Doogan foi elixida en dúas ocasións como Xogadora do Ano da Conferencia, recibindo tamén diferentes distincións honoríficas All-America e sendo finalista do prestixioso premio Katrina McClain, que recoñece ás mellores interiores do baloncesto universitario estadounidense.

Coa súa chegada, o Baxi Ferrol reforza notablemente o seu xogo interior e suma talento, experiencia competitiva e capacidade anotadora a un cadro de xogadoras no que tamén estarán as recentemente incorporadas Iva Belošević, Kateřina Galičková e Esther Castedo, ademais da renovada Karolina Šotolová. O club departamental continúa así construíndo un equipo ambicioso para seguir medrando tanto na liga estatal como no panorama europeo.

Foto: Richmond Spiders

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas