A xogadora, procedente do SBS Ostrava e con experiencia en Texas, convértese no terceiro fichaxe do conxunto ferrolán tras Kateřina Galičková e Esther Castedo, nun plantel que xa conta coa renovación de Karolina Šotolová.
O Baxi Ferrol continúa dando pasos firmes na construción do seu proxecto para a vindeira tempada e confirmou o seu terceiro fichaxe do verán coa incorporación da interior croata Iva Belošević, xogadora procedente do SBS Ostrava e con experiencia tamén no baloncesto universitario estadounidense co equipo dos UT Rio Grande Valley Vaqueros.
A nova xogadora do cadro ferrolá chega avalada por unha notable traxectoria recente e por unhas prestacións que encaixan á perfección no perfil que buscaba o club naval. Belošević destaca pola súa versatilidade e capacidade para ocupar distintas posicións, ademais de ofrecer un xogo rápido e intenso en ambos lados da pista. Dominante baixo o aro, sobresae especialmente pola súa eficacia no rebote e pola súa facilidade para sumar puntos.
Na pasada edición da EuroCup asinou uns números moi destacados, cun balance total de 121 puntos, 71 rebotes e 24 asistencias, estatísticas que evidencian a súa importancia dentro do xogo colectivo e a súa capacidade para marcar diferenzas en competición continental.
Con esta incorporación, o conxunto ferrolán segue perfilando unha plantilla ambiciosa para afrontar o novo curso. A chegada de Iva Belošević convértese no terceiro reforzo confirmado tras os fichaxes da checa Kateřina Galičková e da galega Esther Castedo. Ademais, o club asegurou tamén a continuidade de Karolina Šotolová, que renovou a súa vinculación co equipo e será unha das pezas sobre as que se sustentará o proxecto deportivo desta campaña.
Foto: Sadmoody241




