Marta Porto Cuartero (Ferrol, 2002) é unha escolta criada no BBCA, club no que desenvolveu case toda a súa traxectoria, agás unha campaña nas categorías inferiores do Uni.
Traballadora incansable, rápida e solidaria, destaca polo seu compromiso co equipo e polo apoio ás compañeiras. Leva o baloncesto nas veas, como a súa familia, pois as súas irmás Rocío e Ana tamén xogan no BBCA e no Estudiantes, respectivamente.
Como foi a experiencia en nacional?
Estes dous anos foron unha experiencia moi gratificante porque chegamos aquí tras moitos anos de traballo e esforzo. Ao final somos todas rapazas que nos coñecemos e levamos xogando xuntas desde pequenas, agás algunhas incorporacións que tivemos ao longo destes anos e que nos axudaron a completar o cadro de xogadoras. Gustaríame seguir competindo nesta liga, xa que emociona poder competir contra outras comunidades autónomas.
Como están os ánimos do equipo tras o último partido?
Chegamos con expectativas altas tendo en conta o último encontro, intentando non virnos abaixo e apoiándonos entre nós. Ao final o nivel da nacional é moi alto e nós intentamos buscar a permanencia, pero non sempre é doado manter un nivel desas dimensións. Loitamos toda a tempada adestrando duro cada semana para superar cada partido. Ao remate dese encontro viñémonos un pouco abaixo, pero seguimos traballando de cara á vindeira tempada sen ter en conta a categoría na que xogemos.
Que obxectivo te marcas para o próximo ano?
Pola miña parte, asumo o vindeiro ano con ilusión e intentando dar o mellor de min mesma como deportista e persoa, para axudar e levar ao equipo e ás miñas compañeiras outra vez a un gran nivel e demostrar que podemos mellorar en cada partido. Somos unha familia que se apoia sempre.




