Manu Méndez, lenda do Balonmán Xiria

“Un xogador diferente e especial”. Así poderíase definir ao que agora pasa a ser unha lenda do Balonmán Xiria, Manuel Méndez Cabeza, “Manu” (Carballo, 1989), 23 anos vinculado ao club, desde os 10 anos e formando co equipo alevín ata a pasada campaña 2022-2023 co primeiro equipo na Primeira División Nacional.

Pero o ronsel de Manu non só queda reflectido sobre a cancha, na que sempre o deu todo, senón fóra dela, como persoa soubo granxearse o respecto, a admiración e así ser imaxe para todos os que viñeron despois. De Manu poderíase dicir, sen a menor das dúbidas, que foi un xogador incansable, incombustible, inesgotable, infatigable, dirixente, voluntarioso, activo, traballador, cunha fortaleza física e, sobre todo, mental superior aos demais. Senón, está claro, que sería impensable estar tantos anos en activo.

O lembra, despois de moitas voltas na cabeza, que o peor foi o non ascender despois de seis fases disputadas, aínda que de forma especial o non poder disputar a de Lanzarote (2015), que faría a sétima. Unha semana antes da fase lesionouse nun ollo nunha acción fortuíta nun adestramento. E mesmo nin puido ir ver a fase, porque os médicos aconsellaron que a presión do avión podería afectarlle. Foi duro. Pero si lembra, e de que forma, aquel ascenso á división nacional. No 2008, que quedou gravada en letras de ouro, pero, moi especialmente, a disputa da primeira fase a División de Prata, en Segovia (2011). O dorsal “21” que o levou debería de ser retirado polo Xiria en homenaxe a unha persoa que deixa un legado inigualable e irrepetible. Manu sempre vestiu a camiseta do Xiria, desde que comezou a xogar ata a súa retira. Ademais, era o único que non se perdía un adestramento, nin un partido, salvo de forza maior, algunha que outra lesión.

Por que a retirada? Pois Manu, topógrafo de profesión, cre que chegou o momento, pero non foi unha decisión fácil. Podería ser este ano ou calquera outro. Pero a recuperación das lesións xa non son as mesmas, e o corpo, aínda que se atopa ben fisicamente, xa non responde igual. Ademais da súa faceta como xogador, Manu sempre estivo aí para apoiar calquera actividade que Xiria levou a cabo, sendo o primeiro en dar o paso e o último en retirarse. Vaise Manu, pero queda o seu legado inmaculado dun gran deportista, con tardes gloriosas no parqué do Vila de Noia.

 

 

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas