MANUEL GONZÁLEZ CORREDOIRA: Unha vintena de adestradores da Costa van ser recoñecidos

Manuel González Corredoira, delegado da Real Federación Galega de Fútbol para as delegacións da Costa e A Coruña, falou este mes na nosa revista facendo un resumo da tempada, o recoñecemento dos adestradores e a situación atípica vivida coa pandemia.

Estamos a chegar ao termo da tempada 2020-21. Unha campaña atípica en todos os aspectos pero que, no fútbol da Costa, especialmente no fútbol base, foi altamente satisfactoria en todos os aspectos, polo que a Real Federación Galega de Fútbol non pode estar máis satisfeita e orgullosa polo traballo desenvolvido, tanto por parte dos clubs (os seus entregados directivos cun labor impagable nestes momentos tan complicados que estamos a pasar), xogadores, técnicos e afeccionados, como pola parte organizativa das competicións da RFGF, coa súa xunta directiva, delegados, comité de árbitros e comité de adestradores envorcados para que o desenvolvemento dos torneos fose o máis satisfactorio e coa mínima incidencia posible. Todos tiñamos preocupación, lóxica, fronte a pandemia que estamos a sufrir, pero a base dun traballo impresionante, en especial dos clubs á hora de levar a cabo todos os protocolos necesarios para o desenvolvemento das competicións, como por parte de directivos, xogadores, adestradores, árbitros e afeccionados, en xeral, polas moitas e necesarias restricións que houbo que levar a cabo. Pero todo foise liquidando sen grandes problemas, pois a incidencia na zona do Covid-19 foi mínima e case inexistente. Nos máis de 300 partidos disputados nestes meses de competición, no que respecta á zona da Costa, contando cos representantes das ligas Galegas e femininas, onde houbo tres representantes da zona, unicamente houbo que aprazar ou modificar de data tres partidos por incidencias á marxe do fútbol (contaxios nos centros de estudos ou nas contornas familiares ou de amizade), desenvolvéndose todos os demais sen ningún tipo de situacións adversas, sempre contando coa colaboración impresionante dos clubs, evidentemente das súas xuntas directivas; dos xogadores, que incorporaron a máscara como un elemento necesario para o desenvolvemento dos diferentes encontros disputados, e dando unha auténtica lección de saber competir e gozar deste deporte chamado fútbol; dos adestradores, adaptándose ás novas circunstancias en bancos e vestiarios; aos árbitros, pezas fundamentais na engrenaxe do desenvolvemento da competición e, por suposto, dos afeccionados, que viron bastante limitada a súa presenza nos diferentes campos.

A Real Federación Galega de Fútbol vai poñer o colofón á tempada coa disputa das finais en fútbol 8; as fases de ascenso ás ligas Galegas e Femininas, onde haberá representantes da zona da Costa, e o merecido recoñecemento que o Comité de Adestradores presidido por Iván Cancela, vai realizar a unha vintena de técnicos de honra da nosa zona, nun acto que seguro resultará entrañable e permitirá a, moitos deles, volver revivir mil e unha batallas gozadas nos máis de 50 anos de fútbol na Costa. E a comezar a traballar pensando na 2021-22, porque o fútbol non para, está en constante movemento e, nese non parar, están os clubs, adestradores, xogadores, árbitros e afeccionados, todos en perfecta comuñón coa Real Federación Galega de Fútbol.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas