Falamos co goleador do CF Dumbría na final da Copa da Costa, Miller de Sousa para coñecer as súas sensacións e as súas valoracións do que foi a temporada para o conxunto de Pablo Conde.
Que sentiches anotando un gol tan importante para o teu equipo na final de Copa?
Foi algo totalmente incrible, nun escenario como unha final da Copa da Costa, con mais de 2000 persoas vendo o partido, a intensidade do encontro que foi moi alta, a verdade é que o que sentín nese momento foi algo incrible. Recuperamos o balón no medio do campo e cando Chao ten o balón eu corro como un posuído xa que e unha xogada que xa traballaramos co adestrador durante a semana, gañar a liña de fondo e sacar centros e así foi, a verdade que no momento no que impactei co balón e vexo como entra na portería pois no momento como que é difícil de crer, poñerse por diante no marcador, estando a un paso de conseguir un obxectivo polo que tanto tempo levabamos loitando foi moi bonito. Celebralo cos compañeiros e abrazarse, reforzando un vínculo moi especial que temos entre todos e unha sensación indescritible que hai que estar alí para poder vivila e sentila.
Como valoras a temporada do CF Dumbría?
Penso que fixemos unha boa participación na Liga onde na maior parte da competición ocupamos postos da parte alta da clasificación. Finalmente non conseguimos clasificarnos para os Play Off de Ascenso, pero eu considero que foi unha boa temporada para todo o equipo.
No que respecta a competición de Copa pois pouco teño que dicir que non se coñeza, dende que cheguei a zona Norte de Galicia dende o sur da comunidade, todo o mundo falaba da Copa da Costa, “a Champions de Galicia”, a competición mais importante que hai. No vestiario sucedía o mesmo, xa dende principio de temporada falábase da Copa da Costa. Foi unha competición moi especial, con partidos moi duros como o de Camariñas, partidos moi polémicos como o de Mazaricos, a verdade que non defraudou é unha experiencia que gardarei para sempre. Non todos os días se gaña unha Copa da Costa, é momento de celebrar e de desfrutar na burbulla na que estamos toda a plantilla, todos gañamos a nosa primeira Copa da Costa. O adestrador e a Xunta Directiva si que sabían o que era esta sensación, pero os xogadores estamos a desfrutala moito, xa que se xogaron todos os partidos cunha intensidade moi alta e cunha esixencia brutal para todos. Destacar o papel dos xogadores xuvenís, que cada vez que saíron ao terreo de xogo “comeron o campo” e ao igual que todos daban a vida por conseguir esta Copa da Costa da que todos estamos moi orgullosos. Ao fin e ao cabo, os momentos bonitos é o que nos imos levar do fútbol.
Que valoración fas da túa temporada a nivel individual?
Penso que foi unha boa temporada para min, xa que foi a miña primeira experiencia no CF Dumbría, tiven que adaptarme a un novo equipo e a un novo entorno de traballo, onde estiven moi contento e moi cómodo dende o primeiro día. Unha mágoa algunhas lesións que impedíronme xogar nalgúns partidos, pero tiven en todo momento a confianza do adestrador e dos compañeiros, que me fixeron sentir moi a gusto dende o primeiro día que cheguei a Dumbría.
Como se presenta o teu futuro deportivo máis próximo?
Pois agora estamos agardando por coñecer a todos os rivais da Copa Deputación (Supercopa) para xogar neste mes de xuño as eliminatorias correspondentes. Estamos concentrados e preparados para facer o noso traballo e o noso fútbol e xa veremos o que sucede é si podemos conseguir aínda un premio a maiores neste final de temporada.
De cara a próxima temporada a miña idea e renovar co CF Dumbría, xa que atópome moi ben no club, tanto co corpo técnico, coa xunta directiva e cos compañeiros. Temos un ambiente espectacular, moi san. Iso e algo que eu agradezo moito, polo que a miña idea e renovar co equipo e ver que obxectivos se propoñen para a nova temporada.