O base do Basket Xiria, Nikolás Cebrián Hernández (Madrid, 2004), coñecido no mundo do baloncesto como Niko Cebrián, chegou este pasado verán ao conxunto carballés como unha das fichaxes máis ilusionantes e non tardou en demostrar a súa valía, acumulando varios MVP e con grandes actuacións que lle fixo gañarse moi pronto á súa afección.
Formouse na canteira dun grande e histórico club como é o Real Madrid, e reúne experiencia na LEB e na EBA tras o seu paso por clubs como o Huelva ou o Zornotza, ademais de ser convocado en varias ocasións polas diferentes categorías do combinado español, así como do madrileño.
Niko Cebrián é un xogador moi habilidoso, traballador, rápido, con moi bo xogo tanto interior como exterior, logrando ser un dos máis anotadores do conxunto dirixido por Héctor Méndez e o máis letal do equipo desde a liña de tres. Ademais, o base compaxina os adestramentos do Basket Xiria co Básquet Coruña polo convenio de colaboración entre estes dous clubs, o cal supón para o xogador madrileño adquirir máis experiencia e sacar o mellor del.
Como foron os teus inicios no baloncesto?
Os meus inicios empezaron no colexio Palomeras Bajas con cinco anos, xogando con xente de dous anos máis maiores porque da miña idade aínda non había equipo. De aí pasei ao CDV, onde tiven de adestrador ao meu irmán durante un ano. Ao seguinte ano, o meu irmán decidiu levarme a un mellor club e equipo, e fixen as probas co Real Canoe NC, onde xoguei o meu último ano de alevín e gañei todo o que se podía gañar a nivel municipal en Madrid, e aí é cando me chamou o Real Madrid a xogar o torneo da Roda con intención de ficharme en infantil. Despois fichei polo Real Madrid e durei os seis anos de canteira alí, no mellor club do mundo, onde sufrín moito porque sempre tiña que dar o meu máximo nivel para quedarme alí ano tras ano, pero tamén onde fun moi feliz, e non só me ensinaron a xogar ao meu máximo nivel, tamén me inculcaron uns valores para ser mellor persoa, responsable, e sobre todo ser disciplinado e saber respectar o club e defender o escudo e os valores do Real Madrid e as súas consecuencias.
Como está a ser a túa adaptación no Basket Xiria?
A miña adaptación foi progresiva, porque a realidade é que eu non cheguei na miña mellor forma física, pero con axuda dos dous equipos e a carga que iso conleva, o adestrar cos dous e un plan de nutrición e traballo extra no ximnasio pola miña conta, considero que agora mesmo estou na miña mellor forma física e sobre todo coa ambición de querer máis, tanto no meu físico como na pista. En Xiria considérome un líder, tanto dentro como fóra da pista, non só polo meu xogo ou a miña experiencia na liga, senón porque persoalmente gústame pasalo ben e facer mellor aos meus compañeiros, sobre todo aos que son máis novos que eu, para que non teñan algún erro que eu cometín no pasado e sexan mellores xogadores, pero sobre todo, mellores persoas. No Básquet Coruña, pois sinto moi feliz e afortunado de poder compartir entrenos e dinámicas ACB con xogadores de máximo nivel, moitos deles de verlles na tele e ser o seu maior fan. Agora adestro con eles e iso é incrible.
Aparte do trato que nos dan todos, do primeiro ao último, tanto directiva, encargados de redes sociais, adestrador, xogadores, como os fisios e o preparador físico, que contan connosco en todo momento e fannos sentir un máis da familia laranxa. A eles só pódolles dar as grazas, tanto ao Basket Xiria como ao Básquet Coruña, por acollerme e darme a oportunidade de vivir esta experiencia de estar vinculado a un club ACB e pola parte de Xiria, darlle sobre todo as grazas por facilitarme todo en todo momento e aínda que sexa un club pequeno, se cadra en tema de orzamento comparados con outros club da liga, que tente sempre, na medida do posible, facer o que necesitemos, iso valoreino moito e axudáronme no que necesitase.
Que tal a experiencia de adestrar co Basket Xiria e o Básquet Coruña?
A verdade que cos dous está a ser unha experiencia positiva e boa. Por parte de Héctor, o adestrador de Xiria, gústame a súa forma de traballar, pásomo moi ben e sobre todo déixame moita liberdade e permíteme expoñer ao máximo o meu xogo, e iso estame axudando moito. E de Epi, pois a verdade que só lle podo agradecer todo o que fai por min, porque sempre pensa nos mozos, aínda que non tiven a oportunidade de debutar por agora por que non se deu o caso, sempre pensa nos mozos nos entrenos e téntanos axudar no que necesitemos. Por terminar, darlles as grazas aos dous, porque sen eles non estaría a xogar como o estou facendo.
É a túa mellor tempada anotadora como profesional, que tal ves esa evolución?
Moi ilusionado, a verdade, isto é un deporte en equipo e sen os meus compañeiros non podería facer os números que fago, así que lles agradezo a eles o primeiro, e despois penso que estou ao dar todo cada día para ser mellor e ao final os números non veñen por sorte, veñen se traballas cada día coma se fose o último. Teño a confianza para seguir facéndoo e é o que vou facer, porque os meus números están a facer que o meu equipo gañe partidos e que os meus compañeiros aprendan e fágalles mellores xogadores a eles tamén, e iso é no que me fixo agora mesmo, non nos números como tal, senón no que podo facer eu para que o meu equipo gañe partidos e sobre todo gocemos xogando.
Quen foi o teu referente no baloncesto e por que?
O meu maior referente sempre será o meu irmán mediano porque foi o primeiro que me ensinou este gran deporte que amo. Adestraba comigo na rúa, foi o meu adestrador e sen el nunca chegaría onde estou e sempre lle darei as grazas por todo, tanto dentro da pista como fóra. Logo, é verdade que tiven moitos referentes, sobre todo nacionais como o Chacho, Ricky, Sergio, fixábame moito cando ía ver os partidos do Madrid en Carroll e tamén Thomas Heurtel, que agora encima podo verlle adestrar e falar con el, e para min iso é un orgullo porque é unha pasada, é incrible como xoga e fai xogar ao equipo.
Cal sería o teu quinteto con xogadores históricos da NBA e outro con só españois?
Da NBA, vou fixar un pouco máis que na historia, nos xogadores que vin eu. Como base, Irving, de escolta, Curry, de beirado, Kevin Durant, sempre fun moi fan del, pero teño que poñer ao mellor do mundo, Lebron, como á-pivote teño moitos, pero vou poñer a Tim Duncan e de pivote ao noso gran referente nacional, Pau Gasol.
O meu quinteto de só españois téñoo máis claro, de base, ao Chacho, de escolta, Ricky, de beirado, Rudy, de á-pivote, Marc Gasol, aínda que agora mesmo Aldama está a deixarme tolo, e o pivote xa se sabe, Pau Gasol. Os meus sextos xogadores serían Sergio Llul e Juan Carlos Navarro.
Foto: Neypa Fotografía