Dani Rodríguez converteu un soño deportivo nun reto solidario. O pontecesán completou este verán do tirón e sen parar, os 203 quilómetros do Camiño dos Faros ata Fisterra en 33 horas e 24 minutos, a segunda mellor marca histórica da proba.
Tras a retirada do seu compañeiro, o corcubionés Iago Dosil, por unha lesión nunha perna, Rodríguez asumiu en solitario o desafío e chegou ao faro entre a emoción dos seus achegados e do equipo de Asfega, entidade para a que a aventura permitiu recadar 3.500 euros.
Dani, dicías que correr de noite polo Camiño dos Faros é “unha pasada”. Que ten de especial esa experiencia?
Antes de nada, aclarar que con esa afirmación non estou animando a que a xente vaia a correr pola noite polo Camiño dos Faros. Falo desde a experiencia. Para desfrutar da noite neste sendeiro primeiro hai que coñecelo moi ben e patealo moito durante o día antes de aventurarse a facelo pola noite. Sempre con seguridade e sentido común. Dito isto, é especial correlo de noite pola paz que se sinte, o son do mar, da natureza, pola luz do frontal e dos faros iluminando o camiño, se está despexado e con pouca contaminación lumínica o ceo da costa da morte é un espectáculo.
Cal foi o treito máis fermoso e cal o máis complicado?
Partindo de que todo o Camiño dos Faros é moi fermoso, quizais un dos momentos que se me quedou gravado na retina foi pasando por Punta Buitra. Serían sobre as 06:30 da mañá, estaba abrindo o día, ceo laranxa. Quito, Dani Bembibre e eu desfrutamos dunhas vistas preciosas do Monte Cachelmo, detrás Muxía e no fondo o Faro Vilán de Camariñas. O treito máis complicado, diríache varios. O primeiro, acompañado por Maite Rojo de Malpica, atravesando o monte paralelo á praia de Leis, perdémonos varias veces de noite. O GPS por zonas de árbores perdía o sinal e volvíase tolo. Outros momentos complicados foron as baixadas moi pronunciadas como a do monte Cachelmo (quilómetro 153) e a baixada á praia de Mar de Fóra (quilómetro 195) que sufría bastante os xeonllos.
Houbo algún momento no que pensaches que non ías poder rematar?
Non, non tiven, afortunadamente. Chegaba moi ben adestrado, tanto física como mentalmente, e tras a retirada do meu compañeiro Iago Dosil de Corcubión, asumín a responsabilidade de que había que chegar a Fisterra como fora, por min, por Iago, por todo o equipo de xente que nos estaba axudando no reto, por Marco e polos demais nenos e nenas de Asfega.
Como se xestiona física e mentalmente un esforzo de máis de 33 horas?
Boa pregunta, pois adestrando moito, nos últimos sete meses previos a data do reto adestrei todos os días e so descansei dous días. O complicado foi compaxinar o día a día, traballo, familia, parella, con toda a preparación, isto si que foi un bo reto. Trátase de acumular moitos quilómetros (rematei o reto con 2.954 quilómetros de carreira feitos no que ía de ano) e desnivel en fatiga, é dicir, que aínda que esteas canso, saes adestrar e o corpo funciona. Por outro lado, por moi ben preparado que esteas, nestas distancias e sobre todo neste camiño, pode pasar calquera outra cousa que non se pode controlar, como torcer un nocello, ampolas, etc. E a parte de todo iso, outra cousa moi importante é a hidratación. Tes que beber e con calor tes que beber moito, aínda que sexa sen sede, senón estás perdido. Calculo que bebín máis de 25 litros de líquidos. E a nutrición, que estaba adestrada previamente, só comín cousas que sabía que o meu estómago podía tolerar. Gastei 15.500 calorías durante todo o reto. Tendo a certeza de que todo o controlable está baixo control, é a clave para afrontar con garantías un reto de tantos quilómetros.
Que significa para ti conseguir a segunda mellor marca histórica do Camiño dos Faros?
Pois unha satisfacción moi grande xa o feito de lograr chegar a Fisterra, independentemente do tempo, que tamén é importante para min, como bo competidor que son, gústame facelo ben. O tempo que conseguín foi algo de sorpresa, aínda tardei uns días para asimilar o tempo que fixen e o ben que me xestionei, moi concentrado todo o tempo en escoitar o meu corpo. E tanto o corpo como a cabeza funcionaron á perfección. É un reto moi duro, as persoas que o fixeron antes saben do que falo.
Cando chegaches ao faro de Fisterra, que foi o primeiro que che pasou pola cabeza?
Moita emoción ao ver a toda a xente animándome, a María, Iago, Maite, Dani Bembibre, Manolo, Marco, Charo, Bauti, familiares e a familia de Asfega. Foi moi especial, algo que nunca esquecerei.
En que momento te decataches de que podías facer un tempo tan bo?
Cando pasei a praia de Nemiña (quilómetro 173) na última etapa do camiño, estaba moi enteiro e seguía con forzas para correr a bo ritmo. Aí foi cando empezou a calculadora da miña cabeza a traballar, pero aínda había que chegar.
Como viviches o abandono do teu compañeiro Iago Dosil por lesión?
Foi un mal trago para todos, adestrou moito e nestas distancias, as veces, con iso non é suficiente, tes que ter un bo día tamén.
Comentaches que sentiches unha responsabilidade engadida ao quedar só. Iso deuche máis forza ou tamén máis presión?
Quizais máis presión porque dende o abandono de Iago o reto dependía de min e a miña cabeza solo contemplaba que había que chegar a Fisterra si ou si.
Gustaríache repetir este reto con el cando estea recuperado?
Uf, primeiro quero recuperarme eu, Iago está ben e está adestrando de novo. Si, claro que me gustaría, pero non de momento, dentro duns anos, agora teño 45, así que cumpra os 50, sería un bo regalo (risas).
Este reto tamén serviu para recadar fondos para Asfega. Que significado ten para ti unir deporte e solidariedade?
Pois un significado moi especial, por un lado conseguir correr do tirón sen parar o Camiño dos Faros era un soño para min, e ademais, ao mesmo tempo, poder recadar fondos para axudar ás nenas e nenos de Asfega, foi unha dobre satisfacción.
Que supuxo para ti atoparte con familiares, amigos e outros corredores durante a ruta?
Foi clave para manter a cabeza tranquila e centrada en correr quilómetros. Axudoume a ter pensamentos positivos e así non decaer moralmente, fíxose moito máis levadío e estoulles moi agradecido a todos.
Despois dun reto coma este, xa pensas no seguinte ou primeiro toca descansar?
Este mes de agosto estoumo tomando de «vacacións deportivas», estou en modo de avaliación de danos (risas), de feito, non volvín a correr dende o reto. Retomei exercicios de forza e rodillo, pero nada de impacto de momento. Quedáronme os dou xeonllos algo tocados e estounos coidando. Si que fixen, pasadas tres semanas, unha analítica por se había algún déficit de algo e está todo moi ben. Pero mentres se descansa tamén se pode ir pensando no próximo reto (risas).
Gustaríache volver para intentar bater o récord?
De momento está a cousa aínda fresca e non o penso, pero tampouco o descarto nun futuro, son competitivo e gústame retarme a min mesmo. Preparar algo así non é unha broma, tes que meterlle moitas horas, moito sacrificio e moita constancia. Sen iso, o camiño logo te pon no teu sitio, non perdoa. Creo que este ano estaba moi ben preparado para estar nas 31 horas 34´ ou moi cerca das de Nico de las Heras e non puido ser, pero quédome con iso.
Que novos desafíos deportivos tes na cabeza?
O primeiro da lista é facer o Anillo de Picos dos tres macizos, unha ruta de alta montaña por Picos de Europa de 113 quilómetros e moitos metros de desnivel positivos. Tamén me chama moito desde fai tempo e de paso retomar a natación en augas abertas, facer a Batalla de Rande 27 quilómetros a nado polas Rías Baixas.
Se tiveses que definir esta experiencia nunha palabra ou nunha frase, cal sería?
Un privilexio, un regalo para a vida é todo un reto a nivel físico, mental e emocional.
Foto: Cedida por Dani



