Hai futbolistas que deixan pegada alí por onde pasan. Lucía Fernández Domínguez “Luchy” (Wattwil, Suíza, 1997), é unha delas. Leva no corazón do Xallas desde a fundación do equipo feminino, converténdose nunha das súas xogadoras máis representativas.
Centrocampista de perfil defensivo, capaz tamén de exercer como punta, é pura intensidade, forza e carácter, nunca dá unha xogada por perdida. Pero a súa entrega tamén se transforma en perigo no ataque, grazas á súa capacidade para chegar con eficacia á área rival.
Ante o San Tirso, unha rotura do ligamento cruzado anterior e do menisco afastouna case dous anos dos terreos de xogo. Lonxe de renderse, regresou polo filial para recuperar ritmo e, nesta tempada, volveu ao primeiro equipo. Fóra do céspede, mantén intacto o seu compromiso co club, adestrando ao prebenxamín B e ao xuvenil A. Ademais, na súa traxectoria deportiva tamén xogou nas categorías inferiores do Amarelle.
Que significa para ti defender o escudo xalleiro?
Para min, o Xallas é unha segunda familia, defender o seu escudo é a maneira de demostrar o respecto que lle teño e o orgullo que sinto de poder defendelo.
Que é o que fai especial a este equipo?
Diría, que sen dúbida, o compromiso e compañeirismo que transmitimos.
Que obxectivo tedes esta campaña?
Un dos obxectivos claro é a permanencia na categoría, e de aí, se se pode, sempre cara arriba.
Foto: fotoschimpi




