No Día Internacional da Muller, celebramos a Noelia Loureiro Serrano, unha muller que encarna os valores de dedicación, perseveranza e compromiso coa súa comunidade. Noelia, embaixadora do Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha, destacou tanto no ámbito deportivo como no académico e profesional.
Desde nova, Noelia demostrou unha paixón inquebrantable polo salvamento e socorrismo, acadando logros impresionantes como ser subcampioa de Europa e establecer varios récords nacionais e galegos. A súa capacidade para compaxinar a súa carreira deportiva cos seus estudos en pedagoxía terapéutica e a súa participación activa na educación da comunidade convértena nun verdadeiro exemplo a seguir.
Noelia non só brillou no deporte, senón que tamén logrou compaxinar os seus estudos e traballo, superando unha oposición. A organización e disciplina adquiridas a través do deporte foron clave para encarreirar con éxito todo o que se propuxo. A súa historia é unha inspiración para nenas e mulleres, mostrando que con esforzo e dedicación, pódense acadar grandes metas. Lémbranos a importancia de loitar polos nosos soños e contribuír positivamente á nosa comunidade.
Que te motivou a dedicarte ao salvamento e socorrismo?
Coñecín o salvamento grazas ás miñas amigas da escola, e con 10 anos apunteime porque quería pasar máis tempo con elas. Aínda que comecei por iso, ese primeiro pensamento segue reflectindo o que máis me atrapa no club SAL: o sentido de equipo e pertenza á comunidade. O que realmente me enganchou ao salvamento é que é un deporte no que hai espazo para todas. No equipo, cada unha ten o seu lugar, e sempre me sentín apoiada, non só polas compañeiras e compañeiros, senón tamén polos adestradores/as, a directiva, as familias e ata as veciñas e veciños que sempre nos respaldan.
Con todo, eu sempre digo que no salvamento hai lugar para todas grazas ás distintas modalidades que ofrece. Se a piscina non é o teu, a praia sempre é unha boa opción; e se nadar ou remar non te motiva, sempre podes probar correr. Para min, o salvamento é un deporte moi completo, cunha gran variedade de modalidades, e ademais de todo iso, ensínache a salvar vidas mentres te formas no ámbito deportivo.
Cal foi o maior desafío que enfrontaches na túa carreira deportiva?
O maior desafío que lembro da miña carreira deportiva foi en 2019, cando, xunto co meu adestrador de aquel momento, Diego López, participei no Campionato de Europa. A preparación coincidiu con 2º de bacharelato, o que fixo que fose un período difícil de compaxinar. Con todo, Diego, que sacrificou moito tempo e esforzo na nosa preparación, ensinoume a importancia de desfrutar do proceso, algo que me fai recordar esa etapa con moito cariño e agradecemento.
Despois do campionato, cheguei a unha época de moitos cambios, pois acababa de comezar a universidade e, pouco despois, a pandemia chegou para cambialo todo. Ese período de transición foi difícil para todas. Resultou desafiante compaxinar a situación de crise mundial cos estudos e o deporte, que pasaron a un segundo plano.
Como logras compaxinar os teus estudos en pedagoxía terapéutica coa túa carreira deportiva?
Para min, sempre foi natural compaxinar os estudos co deporte, xa que desde o instituto e o bacharelato tiven que organizarme cunha rutina estruturada. Os meus horarios eran moi pautados: asistía ás clases e, ao rematar, dedicábame ao estudo para poder ir aos adestramentos á última hora da tarde con todas as tarefas feitas. Sempre intentei manter os estudos ao día, pois eran a miña prioridade.
Cando comecei o grao en Educación Primaria na UDC, a miña dispoñibilidade horaria cambiou, o que dificultaba a compatibilidade coas horas de adestramento do club. Aínda así, tiven máis autonomía para organizarme e puiden adaptar a miña rutina. Para min, a clave foi sempre a comunicación e coordinación cos meus adestradores, sen esquecer que o descanso e o sono son fundamentais. Sen un bo descanso, nin os estudos nin o deporte funcionan de xeito óptimo.
Ademais, sempre foi fundamental contar co apoio e axuda da miña familia en todas as decisións que tomei. Eles fixeron que este camiño fose moito máis doado, ofrecéndome orientación, ánimo e comprensión en todo momento. Sen o seu respaldo, sería moito máis difícil equilibrar todos os aspectos da miña vida.
Que consello lle darías ás nenas e mulleres que queren seguir os teus pasos?
O mellor consello que lles daría é que se animen, sen dúbida. O deporte vai darlles a oportunidade de vivir experiencias emocionantes e aprender moito ao longo do camiño. Non só nos permite medrar como persoas, senón que tamén axuda a forxar a nosa personalidade, especialmente durante a infancia e a adolescencia. A través do deporte, aprendemos a organizarnos, resolver problemas, xestionar as nosas emocións, loitar e esforzarnos, e tamén a tolerar a frustración.
Ademais, o deporte permite coñecer e conectar con xente de diferentes lugares e culturas, compartir intereses comúns, e incluso descubrir novos países e rexións do mundo. Sen dúbida, son a persoa que son grazas ao deporte que practiquei, e todas estas aprendizaxes tamén as apliquei no ámbito académico, o que me permitiu acadar logros profesionais, como conseguir o traballo dos meus soños aos 23 anos.
Con todo, non só as animo a comezar, senón tamén a continuar. No ámbito do deporte feminino, aínda que hai avances importantes en termos de igualdade de participación e apoio, observo que existe unha situación preocupante polo abandono temperán das nenas na adolescencia. Compaxinar deporte e estudos non só é posible, senón que tamén trae numerosos beneficios, e xera un equilibrio moi positivo entre as dúas áreas. Así que, sen dúbida, anímovos a todas a practicar deporte e a continuar facendo o que máis vos gusta durante toda a vosa vida.
Que significa para ti ser embaixadora do Club de Salvamento e Socorrismo de A Laracha?
Para min, é unha verdadeira honra. Este club sempre foi o meu fogar e, ao longo dos anos, xogou un papel fundamental no meu crecemento persoal e deportivo. Ademais, temos a sorte de contar cunha gran cantidade de deportistas no club que, tanto polos seus logros deportivos como polos seus valores persoais e profesionais, se converten en grandes exemplos a seguir.
Algúns dos recordos máis emocionantes da miña carreira foron vividos ao lado das miñas referentes, como a primeira vez que subín ao podio xunto a unha delas, disputar unha final nun Campionato de España ou compartir equipo coa selección nacional con elas. Estes momentos foron fundamentais para o meu desenvolvemento como deportista e, sen dúbida, seguen a ser unha inspiración constante.
Cales son os teus próximos obxectivos e metas na túa carreira deportiva e profesional?
Tiven a sorte de vivir este deporte desde diferentes perspectivas. Fun deportista durante moitos anos a varios niveis e tamén fun adestradora en categorías base durante dúas tempadas. Agora, a miña prioridade e o que ocupa a maior parte do meu tempo é a miña carreira profesional como mestra. Non obstante, non quero desvincularme por completo do mundo do salvamento nin do mundo deportivo en xeral, polo que, aínda que en menor medida, intento acudir a adestramentos e algunha competición co grupo, para seguir facendo equipo e gozando da parte lúdica deste deporte, que é o que realmente me fai inmensamente feliz.
Info e foto: Salvamento Acuático Laracha – SAL