Carballo acolle esta fin de semana unha nova proba de autocross, e xa van 21.
«Carballo está asentado coma referente a nivel galego e mesmo estatal», dixo o concelleiro de Deportes. Daniel Pérez; o presidente do Club Rally Coruña, Ernesto Rumbo, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a competición, que se desenvolverá ao longo da xornada do sábado e que contará coa participación de 68 pilotos. As finais disputaranse a partir das 18.00 h.
«Xa van 21 edicións e parece que foi onte», dixo Ernesto Rumbo, que destacou especialmente o apoio do Concello de Carballo ao longo de todos estes anos e augurou que esta proba «vai ser unha boa festa do motor».
O presidente do Club Rally Coruña expresou o compromiso da entidade de «seguir dándolle vida ao circuíto e que poidamos seguir desfrutando deste espazo público», un compromiso moi ben valorado polo alcalde. «Está moi clara a importancia que ten Carballo dentro do mundo do motor, e para que isto siga sendo así temos que seguir contando coas entidades colaboradoras», dixo. Evencio Ferrero aludiu á importancia que o deporte en xeral e o motor en particular teñen desde o punto de vista do retorno económico para o concello.
Info e fotos: Concello de Carballo





