Daniel Remuiñán disputará o Rallye Rías Altas Histórico

O vixente Campión de España de Classic Silueta loitará polo triunfo na cita herculina.

O piloto de Laracha, Daniel Remuiñán, volverá estar presente esta fin de semana no Rallye Rías Altas Histórico, unha das citas máis especiais do calendario galego. Nesta ocasión, farao aos mandos do Peugeot 205 Proto de Ya-Car Racing, contando con Diego Ponte como copiloto.

Remuiñán xa sabe o que é subir ao podio nesta proba, xa que o ano pasado foi terceiro da súa clase, na mesma tempada na que se proclamou campión de España de Classic Silueta. Con esa experiencia, afronta a edición 2025 co obxectivo de gozar ao máximo da cita coruñesa e, ao mesmo tempo, loitar polas posicións de honra, tanto dentro da súa categoría como na clasificación xeral.

O Rallye Rías Altas Histórico reunirá a máis de medio centenar de rexistrados no apartado de velocidade e disputarase integramente na xornada do sábado, con catro tramos que se percorrerán a dobre pasada. A cerimonia de saída celebrarase o venres no emblemático escenario da praza de María Pita, na Coruña, achegando un gran ambiente previo ao comezo da competición.

“É unha proba moi especial para min, que sempre me trae bos recordos”, comenta Daniel Remuiñán. “O ano pasado logramos un bo resultado e este ano queremos tentar pelexar pola vitoria, aínda que o máis importante será gozar de cada tramo e ofrecer un bo espectáculo á afección. Estou moi contento por volver competir no Rías Altas, esta vez con Diego á miña dereita e co Peugeot 205 Proto, un coche que é realmente divertido de levar”.

Foto: Daniel Remuiñán

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas